“Lei de Depredación”

En Marea pide revogar o proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II de Laxe

Nunha proposición non de lei presentada no Parlamento de Galiza, o Grupo Parlamentar de En Marea reclama a revogación da autorización do proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II de Laxe, aprobado ao abeiro da coñecida como “Lei de Depredación”.

O 21 de decembro a Xunta de Galiza declaraba o interese especial do proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II, de Laxe, e autorizábao tan só un día após. Facíao ao abeiro da recentemente aprobada Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais en Galiza, mais coñecida como Lei de Depredación.

“En Marea estaba no certo ao denunciar que o obxectivo real desta norma é evitar tramites de garantía medioambiental e de transparencia pública as grandes empresas que pretenden espoliar o país”, afirma o partido nun comunicado de imprensa, “esta tramitación obvia tamén a fragmentación en varios expedientes administrativos do que en realidade supón un único proxecto industrial, o parque eólico de Mouriños, feito este sobre o que aínda debe pronunciarse a Unión Europea”.

O partido liderado por Luís Villares presentou ao respeito una iniciativa parlamentar en que pide revogar esa autorización, ao entender que a actitude da Xunta é “absolutamente escurantista”. De feito, denuncia que o Goberno galego impediu o acceso aos informes de impacto dos proxectos, “que foron eliminados do trámite de información pública”.

“A maiores esta declaración, tal como denuncian os colectivos ecoloxistas e cidadáns da comarca, foi realizada nun momento procedimental inadecuado, xa que debería terse realizado nun momento temperán da tramitación, para que a cidadanía tivese coñecemento dos elementos concretos do expediente e polo tanto puidesen analizar e no seu caso alegar ou contrapoñer os argumentos achegados pola empresa e o órgano que procedeu a súa autorización”, afirma a formación política.

Por último, En Marea asegura que a eliminación da información pública para poder coñecer os supostos beneficios e incidencias dos proxectos nos ámbitos industriais, económicos, sociais, territoriais e mesmo de emprego provocan a “indefensión da cidadanía”.

Comentarios