En Marea pide rematar con “40 anos de goberno para a banca e as multinacionais"

O número 1 da candidatura de confluencia por Ourense, David Bruzos, denuncia que milleiros de cartos públicos se están a tirar “en grandes infraestruturas e nesa empresa familiar que é a Deputación de Ourense”.

en marea
photo_camera [Imaxe: En Marea]


En Marea chegou esta terceira feira a Carballiño. A candidatura de confluencia realizou un mitin cos dous cabezas de lista pola provincia, David Bruzos e Sofía Díaz, onde pediron a rematar con “40 anos de goberno para a banca e as multinacionais" e denunciaron que milleiros de cartos públicos  se están a tirar “en grandes infraestruturas e nesa empresa familiar que é a Deputación de Ourense”.

Bruzos asegurou que os populares  “teñen medo” e criticou que “tenten parecerse ás persoas” cando “non son coma a xente e non teñen nada que ver con nós”. Afirmou que “teñen unha rede clientelar terrible e non poden gobernar con liberdade para a maioría social”, motivo polo que dixo que eran precisos “mecanismos de control” e “xente nova”.

“Teñen unha rede clientelar terrible e non poden gobernar con liberdade para a maioría social”, dixo Bruzos.

O número 1 de En Marea por Ourense propuxo entre outras medidas a derrogación da Lei de administración local, unha revisión das pensións e fórmulas para “activar a economía modificando o modelo produtivo e innovando”, en especial, dixo, para o rural. “Temos unha provincia realmente rica. E no país dos mil ríos a auga ten que ser declarada un ben común”, defendeu Bruzos, acompañado polos deputados de AGE Antón Sánchez e Juan Manuel Fajardo. 

“Un sistema que se sostén na desigualdade”

A segunda na lista por Ourense, Sofía Díaz, denunciou pola súa banda que o sistema actual “se sostén na desigualdade” e “non lle interesan as persoas”. Díaz afirmou que “do mesmo xeito que o Parlamento de Galicia cambiou coa chegada de Alternativa Galega de Esquerda, o Parlamento español mudará igualmente con esta voz galega, laica, feminista e de defensa do público”.
 

Comentarios