Galaria, no punto de mira

En Marea pide explicacións polas “portas xiratorias” na sanidade galega

Maria Luisa Brandt Sanz, até hai uns meses membro da alta dirección da empresa pública Galaria, foi nomeada directora de Povisa, mentres que Rocío Mosquera ocupa agora a xerencia da citada compañía pública, que é a encargada de xestionar a alta tecnoloxía da sanidade galega.

Rocío Mosquera
photo_camera Rocío Mosquera

Que na sanidade galega hai portas xiratorias non o pon en dúbida En Marea, que anuncia que pedirá explicacións ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo polos novos cargos que ocupan María Luisa Brandt Sanz e mais Rocío Mosquera. Brandt vén de ser nomeada directora de Povisa, hospital que mantén un concerto co Sergas. Até a súa destitución, Brandt era a directora-xerente de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios S.A.

En Marea denuncia que as actuacións de Brandt á fronte de Galaria “engrosaron o negocio do hospital polo que ficha agora”. Aliás, o viceportavoz da forza política, Antón Sánchez, advirte de que Galaria cedeu a encomenda de supervisión da construción do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a Efficientia Clinical Management. Esta empresa, di, “amparou o cambio da oferta hospitalaria, suprimindo unidades previstas, como a de queimados e cirurxía maxilofacial, e que foron concertadas con Povisa, da que ex-directora xerente de Galaria é agora a sua xerente”.

"A directora-xerente de Galaria cesa en dita empresa pública de servizos sanitarios e é fichada de inmediato polo hospital privado de maior concerto co Sergas, e sen que a Xunta teña feito nada para evitalo", denuncia Antón Sánchez, que non considera “ética” a manobra e que quere saber se é legal e se cumpre co réxime de incompatibilidades previsto na Lei 1/2016 de transparencia e bo goberno.

Rocío Mosquera, en Galaria

Por outra parte, a vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, pon o foco no nomeamento de Rocío Mosquera, ex conselleira de Sanidade, na dirección da empresa pública Galaria. Para a parlamentar trátase dun “novo exemplo práctico de portas xiratorias e desvíos de poder no eido da sanidade galega”.

Solla afirma que “os tratos de favor de Rocío Mosquera exemplificáronse tamén coa renovación do concerto co hospital Povisa, cun evidente conflito de intereses ao formar parte dos órganos directivos do hospital A nosa Señora da Esperanza, pertencente o grupo Povisa”.
 

“A elección desta persoa constitúe unha falta de respeito a cidadanía e á propia lexislación en materia de incompatibilidades non só polo trato de favor ás empresas privadas durante o seu mandato como conselleira, senón porque durante a súa carreira profesional veu ocupando varios postos de relevancia na xestión de empresas e hospitais privados que facturan grandes cantidades ao Servizo Galego de Saúde” denuncia Eva Solla.
 

Mosquera fora relevada por Jesús Vázquez Almuíña á fronte da Consellaría de Sanidade após o conflito xerado pola xestión privatizadora do novo hospital de Vigo e que desembocou nunha gran mobilización social na comarca.

Comentarios