En Marea pide explicacións ao goberno español por non defender a candidatura de Galiza para o Centro europeo de referencia para crustáceos

Alexandra Fernández, deputada de En Marea no Congreso español, pide explicacións ao Goberno nunha serie de preguntas rexistradas no Congreso por non ter defendido perante a UE a candidatura de Vigo ao centro europeo de referencia para os crustáceos que vai para Dinamarca co voto favorábel do executivo español.

A parlamentar considera “inconcebíbel que após do sucedido co centro de referencia europeo para os moluscos, cun Feijoó desactualizado que nin se enteirou de que o Goberno do PP de Rajoy votara en maio pasado a favor do peche do centro de moluscos sen dar a batalla para que fose para Vigo, agora deixe escapar o centro de referencia para crustáceos sen defender unha posición propia na UE e incluso vote a favor de que vaia para Dinamarca”. 

Fernández afirma que “este tipo de feitos demostran ás claras unha total deixación de funcións en canto a defender os intereses do estado español, e en concreto os de Galiza coa posibilidade de que Vigo albergase este centro de investigación. A posición do Executivo de Rajoy así como a debilidade e fraxilidade do Presidente da Xunta respostan á política da inoperancia, da indiferencia e da ineficacia”. 

Comentarios