En Marea pide unha declaración institucional do Parlamento galego a favor da liberdade de expresión

“Estamos ante unha escalada de ataques que van desde a suspensión cautelar de dereitos e liberdades á derrogación de liberdades e dereitos fundamentais. Unha deriva desde un Estado de excepción a un Estado autoritario”, denuncia Antón Sáchez.

emilio cao anton sanchez en marea
photo_camera Emilio Cao e Antón Sánchez

En Marea denunciou esta sexta feira os recortes e ataques na liberdade de expresión que se están a repetir “cada vez con maior frecuencia”. Unha denuncia que fixo esta sexta feira, 23 de febrero [37 anos despois do golpe de estado do 23F] o viceportavoz parlamentar de En Marea, Antón Sánchez, acompañado de Emilio Cao, o mozo de 22 anos para o que piden 5 anos de prisión e multa de 6.000 euros por supostos incidentes durante a concentración en Madrid das Marchas da Dignidade, en 2014.

“Estamos ante unha escalada de ataques que van desde a suspensión cautelar de dereitos e liberdades á derrogación de liberdades e dereitos fundamentais. Unha deriva desde un Estado de excepción a un Estado autoritario” denunciou Sánchez.

“Se esta cámara parlamentaria aínda desexa representar democraticamente a cidadanía de Galiza, ten que poñerse ao servizo da liberdade de expresión”

Desde En Marea lamentan que se estea a empregar a Lei Mordaza “para penalizar xudicialmente toda manifestación de protesta, con penas de cárcere que buscan amedrentar á cidadanía rebelde, como Emilio Cao, que simplemente reclaman pan, teito e traballo”. Sánchez lembrou exemplos desta involución como a tipificación como delito de odio de calquera tipo de crítica "contra os poderosos ou que representan ao Estado", ou as “cruzadas inquisitoriais contra o humor irreverente con ameazas veladas e non tan veladas contra alcaldes como Martiño Noriega”.

O grupo de En Marea presentará ao resto de grupos do Parlamento unha proposta de Declaración Institucional. Nesta proposta pídese compromiso activo coa defensa da liberdade de expresión e na denuncia de toda actuación “que entorpeza, limite ou impida a libre expresión de opinións ou crenzas”. Tamén, que o Parlamento se dirixa ao Goberno do Estado para esixir o cese das actuacións represivas que limitan o exercicio de dereitos e liberdades fundamentais. “Se esta cámara parlamentaria aínda desexa representar democraticamente as cidadás e cidadáns de Galiza, ten que poñerse ao servizo da liberdade de expresión, cerna de toda democracia” concluíu Antón Sánchez.
 

Comentarios