En Marea pide unha comisión de investigación sobre o accidente do Alvia

En Marea rexistrou na mañá da quinta feira unha petición para que se constitúa unha comisión de investigación sobre o accidente do Alvia en Angrois. Acompañaron as parlamentares galegas membros da Plataforma de Vítimas do Alvia 04155.

[Imaxe: @enmarea] Comisión Angrois
photo_camera [Imaxe: @enmarea]

Na mañá da quinta feira (25 de febreiro), deputadas e deputados de En Marea presentaron no Congreso unha petición para que se cree unha comisión de investigación que esclareza o accidente do Alvia e dirima as responsabilidades oportunas. Fixérono a petición da Plataforma de Vítimas do Alvia 04155, cuxos representantes acompañaron os deputados de En Marea á hora de presentar a proposta, que foi asinada polo Grupo Parlamentar de Podemos e tamén polo Grupo Mixto.

Os deputados e deputadas de En Marea puxeron de manifesto que esperan que o novo Congreso, “máis plural e aberto”, atenda “a petición de reparación e xustiza para as familias das vítimas e para a sociedade no seu conxunto”. 

Neste contexto, a portavoz de En Marea, Alexandra Fernández, supeditou "calquera apoio" ao PSOE a que avale a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente. Até o de agora, as repetidas propostas que chegaran ao Congreso na pasada lexislatura para crear unha comisión de investigación sobre o accidente –impulsadas, na súa maioría, polo BNG e tamén por Izquierda Plural- non prosperaron, ao seren bloqueadas polo PP e polo PSOE.

Comentarios