En Marea perde un senador en Galiza, a favor do PSOE

García Buitrón non revalidou a acta na Cámara Alta, onde o PP logrou 12 representantes polas catro circunscricións galegas, o PSOE 3 e En Marea, 1.

senado

En Marea perdeu este 26 de xuño 1 dos 2 senadores que obtivera o 20 de decembro, o logrado pola Coruña, e fica cun único representante na Cámara alta, o atinxido pola provincia da Pontevedra. Así pois, García Buitrón, que fora presidente da xestora de Podemos-Galiza durante a 'crise' de hai uns meses, non volverá ocupar asento no Senado. O senador que perde En Marea vai para o PSOE, que logra así atar un representante nesa Cámara pola Coruña, algo que non conseguira o 20 de decembro. Os socialistas obteñen en Galiza 3 senadores, un por cada provincia agás Pontevedra, onde non lograron representación na Cámara alta.

O grande vencedor no Senado foi o PP, con 12 asentos logrados por Galiza, 3 por cada unha das catro circunscricións galegas. Doce representantes que engrosan os 130 que os populares atinxiron a nivel estatal, outorgándolle unha ampla e cómoda maioría. O PSOE tivo 43 e Unidos Podemos e as confluencias, 16.

Esquerra Republicana de Catalunya vai ter 10 asentos no Senado, un aumento importante a respecto do 20 de decembro, cando lograra 6. ERC é a primeira forza de Catalunya no Senado. En Comú Podem logrou 4 e Convergéncia, 2. O PNV obtivo nestas eleccións 5 senadores, Coalición Canaria-Partido Nacionalista Canario, 1 e Agrupación socialista de Gomera, 1.

Comentarios