As conclusión do proceso de debate aberto nas filas de En Marea para analizar os resultados das eleccións non deixan dúbida do alcance das decisións que deberá adoptar a organización liderada actualmente por Luís Villares. O denominado “Documento expositivo. Síntese conclusión das asembleas comarcais”, posto pola dirección ao dispor da afiliación para a discusión no plenario, estabelece como “propostas de futuro” a “Definición dun novo espazo. Refundación do que somos. Facer de En Marea o espazo de adscrición individual dos documentos de Vigo”, concretando a refundación no estabelecemento dunha estrutura organizativa comarcal e municipal, na “definición de novos liderados” e mesmo na adopción dunha novo marca.
A este respecto, o documento sinala as discrepancias existentes, xa que “en certas xuntanzas apostábase por mantela e noutras, aducindo que estaba queimada e restaba, cambiala aínda que se vía como un punto feble cambiala agora polo pouco espazo temporal até as eleccións municipais”.
Villares, cuestionado por unha parte da afiliación
A elección dunha nova equipa de dirección preséntase, en opinión das inscritas de En Marea, como central no proceso de refundación da organización. Se o “Documento expositivo” recolle a necesidade da “renovación da parte máis visibilizada da dirección” e a “busca de novos liderados”, a tese política defende unha nova concepción dos liderados, que “debería concretarse no rexeitamento á idea de liderados carismáticos, á verticalidade discursiva e organizativa e o mesianismo”.
A continuidade de Luís Villares á fronte da formación foi obxecto de discrepancia entre os participantes no proceso comarcal de debate, sinalando o denominado “Documento expositivo. Síntese conclusión das asembleas comarcais”, que a “Figura de Luís Villares. Punto discrepante: en certas xuntanzas víase como queimada e noutras como un activo positivo valor de En Marea…Reflexiónase sobre o tirón mediático de Pablo Iglesias e o liderado simbólico de Beiras, que xogan contra a visibilización de Luís Villares”.
Cerna emenda os textos “para manter a cohesión e agrupar esforzos”
As emendas aos relatorios presentados pola dirección dan conta das diferenzas sobre as liñas a seguir no futuro. Neste contexto, acada unha particular relevancia a proposta presentada polos membros do Colectivo Cerna Paula Verao, Chelo Martínez, Ramón Verdini, Mario López Rico e Ramón Mouriño Afonso, onde formulan adiar para o mes de outubro as “decisións de máis calado con iniciativas orgánicas e/ou programáticas e calendario preelectoral”.
Segundo sinalan as autoras e autores da suxestión, “sendo evidente que temos visións un tanto diferentes do que facer é polo que, para manter a cohesión e agrupar esforzos, debemos reafirmármonos naquilo que temos en común”, apostando por reafirmarse no modelo aprobado na asemblea fundacional de En Marea, dirixir os esforzos á expansión territorial da organización e traballar na construción “dunha ampla maioría de forzas de esquerda nacionalistas ou non” que aparte o PP da Xunta de Galiza.
A corenta e oito horas para o comezo do plenario todas as posibilidades están abertas e o resultado preséntase incerto
A corenta e oito horas para o comezo do plenario todas as posibilidades están abertas e o resultado preséntase incerto. Se prospera a emenda presentada polos militantes de Cerna, coincidente no fondo con outras achegas formuladas por significados afiliados, En Marea pospoñería para o mes de outubro as decisións que a maioría da dirección tenta resolver no plenario do vindeiro sábado en Compostela, ficando á fronte da organización a actual equipa dirixente.
No caso de saír adiante a alternativa recollida nos relatorios oficiais, a formación debería a proceder a elixir un novo núcleo dirixente, mediante un proceso electoral interno que arrancaría coa presentación de candidaturas a partir do 18 de xullo, a votación das mesmas o 29 de xullo e a súa proclamación provisional o 1 de agosto. Sexa cal for o resultado da asemblea do sábado 9 de xullo, o debate de En Marea continuará a longo dos meses seguintes arredor dos temas que fican pendentes.