En Marea, a única confluencia que cede terreno nas nacións sen Estado

A confluencia con Podemos á que lle foi pior o 26X foi con moito En Marea. Cede 66.555 votos, o 16,2% dos obtidos en decembro. En percentaxe a queda sitúase no 2,83%.

Mitin En Marea
photo_camera Un momento do fechamento de campaña de En Marea

O 20D En Marea protagonizou un sorpasso histórico, colleitou un 25,01% dos votos e fíxose con 6 actas no Congreso e dúas no Senado. O 26X eses números engruñaron: un deputado e un senador menos (Ourense e A Coruña, respectivamente). A percentaxe foi do 22,18% (2,83 menos) e o número de sufraxios descendeu en 66.555. O retroceso atinxiu dimensións significativas no trípode Santiago-A Coruña-Ferrol, emblema do poder municipal das marés.

Esta non foi a tendencia experimentada polo resto das confluencias no Estado.

Destarte, Unidos Podemos experimentou un lixeiro incremento en Euskadi, ao pasar do 28,92% dos sufraxios do 20D ao 29,05% deste 26X. Mantivo unha lideranza incontestábel, superando en máis de 4 pontos o PNV. Aliás, en número de votos si que se produciu unha lixeira queda, ao baixar a participación: en concreto a fuga alcanzou os 19.946 votos, un 5,6% menos.

En Nafarroa as papeletas de UP tamén cotizaron ao alza: o 20D estiveron no 27,09% e desta volta acadaron o patamar do 28.33%. En votos a perda foi mínima: 1.189 menos, o 1,2%.

En Marea acusa un retroceso maior do que as súas marcas irmás nun momento politicamente delicado

Por último, a confluencia catalá -En Comú Podem- referendou a súa condición de forza maioritaria no campo da esquerda cun levísimo retroceso de 0,2% na percentaxe de voto. Canto ao número absoluto de sufraxios -nun contexto de baixa participación- o descenso para a marca liderada por Ada Colau situouse nos 81.354 votos, isto é, o 8,7% menos dos votos recollidos o 20D.

En definitiva, En Marea acusa un retroceso maior do que as súas marcas irmás nun momento politicamente delicado, cando as marés aínda non teñen definido o modelo de concorrencia -lembremos que En Marea é unha coligazón de tres partidos e desde sectores das bases se pide unha plataforma de adscrición individual- nen moito menos hai acordo ou consenso sobre a persoa que poda encabezar a candidatura.

Esta falta de definición e a controversia pública entre os parceiros de En Marea a respeito do grupo parlamentar -con Anova a defender o partido instrumental e Podemos e EU, a coligazón- axudaría a explicar o descenso de apoios sofrido o 26X.

Comentarios