Falan de "un erro nas comunicacións"

En Marea nega agora que as deputadas do Congreso se resistan a render contas

Non hai tal problema. Só un "erro nas comunicacións" e a "problemática dos horarios" explicarían a "confusión dos últimos días". Non hai tal confusión. Segundo puido saber Sermos, catro dos cinco parlamentares si que se resistiron a render contas e asinaron unha comunicación nese sentido. Só Alexandra Fernández se mostrou disposta desde o principio a acudir ao plenario.

unnamed
photo_camera Ana Seijas e Gonzalo Rodríguez

Aquí non pasou nada, só unha "confusión". Esa é a versión oficial que a dirección de En Marea oferece sobre o asunto da rendición de contas das parlamentares de Madrid (Ángela Rodríguez Pam, Miguel Anxo Fernán Vello, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino) que se resistían a asistir ao plenario deste sábado para oferecer o balanzo da súa xestión como representación no Congreso. Mais os dados disponíbeis permiten afirmar que non hai tal confusión. Estas parlamentares comunicaron á dirección que non se daban as condicións para render contas. Alegaban que non foron avisados coa suficiente antelación, un argumento fráxil tendo en conta que dispuxeron do mesmo tempo que os seus colegas do Pazo do Hórreo, que en ningún momento amagaron con non ir ao plenario.

A dirección de En Marea -a meio da súa viceportavoz Ana Seijas e de Gonzalo Rodríguez- instaron esta quinta feira ás parlamentares díscolas que depuxesen a súa actitude e que acodisen ao plenario, so pena de violar a legalidade estatutaria da confluencia. A advertencia surtiu efeito. Ás 20.27 horas do día de onte, un comunicado de En Marea informaba de que finalmente a representación no Congreso si participaría no plenario e afirmaba taxativamente que "o grupo de En Marea no Congreso dos Deputados nunca se negou a render contas no plenario que se celebra este sábado 15 de xullo".

"Un erro nas comunicacións, sumado á problemática dos horarios, provocou a confusión dos últimos días", engadía En Marea, sen concretizar máis pormenores do asunto. Si que anunciaba que as parlamentares do Congreso comparecerían esta sexta feira en Compostela (por volta das 11.30 horas) para avanzar a imprensa a súa rendición de contas.

A dirección de En Marea afirma agora que nunca houbo resistencia a render contas, mais faino apenas horas despois de Podemos Galicia xustificar nun comunicado oficial a negativa das parlamentares de Madrid (no seu caso, Ángela Rodríguez Pam) a comparecer perante o plenario.

Podemos Galicia argumentaba que a única rendición de contas que cabía exixir a súa representación no Congreso (ou sexa, a súa deputada Ángela Rodríguez Pam) se debía facer perante "os inscritos e inscritas" do partido morado (mais non os de En Marea) e perante "os votantes" da confluencia (mais non perante o plenario).

Comentarios