O Encontro cidadán por unha Marea Galega vén de facer público un comunicado sobre a reunión convocada de maneira unilateral no día de onte e na que participaron, segundo a propia organización, representantes da plataforma, Anova, Cerna, Compromiso por Galicia, Espazo, Equo, Esquerda Unida e Podemos. No citado documento, o Encontro recolle as bases que achega ao traballo para a construción dunha “candidatura popular”. Entre elas, non se atopa referencia ningunha á presenza de siglas partidarias na papeleta electoral. E isto malia que Podemos pon como condición que apareza a súa marca na papeleta. Deste xeito, mantense a incógnita sobre se a plataforma acepta ou non a marca Podemos.
Pola outra banda, as bases achegadas polo Encontro na reunión de onte, e que segundo o comunicado contarían co consenso das formacións políticas que participaron no foro, non aluden en ningún momento ao dereito de Galiza a decidir nin á soberanía. Outro dos elementos salientábeis das bases é a ambigüidade respecto ao grupo parlamentar galego, a cuestión que a outra plataforma pola unidade, Iniciativa pola Unión, defende como imprescindíbel. Así, recóllese que os deputados e deputadas electas “funcionarán a todos os efectos como un grupo parlamentar”, mais non se inclúe como obxectivo nin se cita que sexa independente dun grupo parlamentar estatal.
O comunicado non recolle alusión ningunha á exclusión dos seis partidos galegos que provocou a non asistencia de Iniciativa pola Unión nin do BNG
No comunicado, o Encontro en ningún momento informa sobre a exclusión das seis forzas políticas galegas –Partido Galeguista, Coalición Galega, Foga, Partido Comunista do Povo Galego, Agora Galiza e Terra Galega- no foro que tivo lugar a día de onte. Precisamente, a falta de pluralidade motivada pola exclusión destes partidos por parte do Encontro cidadán por unha Marea Galega provocou que non asistiran á reunión nin o BNG nin Iniciativa pola Unión.
O Encontro salienta no comunicado que o “consenso amplo” no que cristalizou a reunión de onte e informa de que “coa fin de concretar e desenvolver” as bases, “acordouse entre todos os presentes o estabelecemento dun calendario de traballo con prazos concretos”. Engade que se decidiu “manter o proceso aberto á incorporación doutros axentes políticos e sociais que asuman esas mesmas premisas”.