COMPROMíS SI Dá A BATALLA E TENTA TER UNHA REPRESENTACIóN DE SEU

En Marea renuncia a rexistrar grupo propio e insírese no 'confederal' de Podemos

[ACTUALIZADA ÁS 22.15H] Renuncia á posibilidade dun grupo galego após presentarse unha única proposta. En troca, Compromís defenderá un para o País Valenciá. 

Finalmente a opción acordada entre Podemos e as coligazóns coas que concorreu na Galiza e Catalunya é a creación dun único grupo parlamentar de fórmula "plurinacional". Así, as persoas eleitas na Galiza por En Marea pasarán a facer parte do grupo que lidera Pablo Iglesias. 

Ora ben, estas non estarán suxeitas --como tampouco as de En Comú Podem-- a disciplina de voto, contarán con portavocía de seu e recursos económicos e materiais propios, segundo foi avanzando através da súa conta de Twitter a propia coligazón. 

Compromís-Podem divídese e tentará formar grupo propio con 4 parlamentares de Bloc Valenciá e IPV. Entrementres, parlamentares de Podemos pasan ao grupo de Iglesias. 
 

Confederación para garantir a unidade

Un "grupo de grupos" co que "demostrar" que "desde a diversidade tamén se pode unir" fronte a "quenes erguen muros". Así se expresaba Íñigo Errejón, nº2 de Podemos, vencellando a creación do grupo parlamentar Podemos-En Comú-En Marea coa cuestión territorial no Estado español. 

Alexandra Fernández: "Contaremos con autonomía política, económica e dos órgaos de decisión"

En comparecencia de imprensa e acompañado pola deputada de En Marea, Alexandra Fernández, e o deputado de En Comú-Podem, Xavier Domenech, Errejón explicou que a presidencia do grupo recaerá en Pablo Iglesias quen "nos contén a todos os que estamos en réxime de igualdade", dixo en resposta á cifra total de parlamentares que posuirá Podemos na Cámara baixa. 

Desta maneira a coligazón En Marea (Anova-Podemos-EU) renuncia a un grupo parlamentar propio para Galiza, polo que si loitará Compromís, e integrarase no de Podemos. Ora ben, con "autonomía política" explicou a súa portavoz, Alexandra Fernández. Unha solución "creativa" coa que superar o "veto" afirman que lle impuxo a Mesa da Cámara. 

A "autonomía" da que gozarán as coligazóns de Podemos dentro do seu grupo garántelles participación e tempos intervención tamén nos debates centrais da actividade parlamentar como o debate de política xeral ou de Orzamentos. Embora non debullaren polo miúdo os aspectos concretos dese acordo que, din, irán dando a coñecer máis adiante. 

Errejón sobre posíbeis conflitos de intereses: "Non imaxino ningunha votación neste Congreso na que teñamos unha posición diferente"

Porén, preguntado pola dinámica que se estabelecerá nos debates políticos, nomeadamente cando se produza unha colisión entre os intereses dos distintos territorios, o voceiro parlamentar de Podemos asegurou que "non imaxino ningunha votación neste Congreso na que teñamos unha posición diferente". 

Así, existirá unha coordenadora entre as distintas forzas para desenvolver a acitividade parlamentar. 

O acordo foi defendido por Íñigo Errejón como unha "mensaxe avanzada" de que é posíbel "trenzar un futuro partillado dos pobos de España" do que queren ser reflexo. "A diversidade multiplica", asegurou. 

O País Valenciá descólgase 

A respeito do que acontece coa coligazón valenciá, que rexistrou o seu grupo parlamentar propio desvinculándose das demais candidaturas de confluencia, Errejón asegurou que fican "as portas abertas" por se desexan volver após "transitar" o camiño iniciado hoxe e que podería culminar cun recurso perante o TC se o grupo lles é denegado, como todo apunta que acontecerá. 

Neste contexto, todo apunta a que a coligazón valenciá rematará rachando ao pasar @s parlamentares de Bloc Valenciá e Iniciativa d'el Poble Valenciá (4) ao grupo mixto mentres que as demais persoas (5) poderían incorporarse ao grupo de Podemos. 

Entretanto, Errejón aclarou que contarán cunha portavocía para o País Valenciá que asumirá unha deputada de Podemos que si fai parte da coligazón, Ángela Ballester. Isto é, aquelas persoas que fan parte de Podemos pasarán desde xa ao grupo de Iglesias. 
 

Comentarios