En Marea inicia as eleccións para o consello con 1.903 persoas con dereito a voto

Os comicios internos arrancan con “fluidez” e “normalidade” para elixir as e os 35 representantes que conformarán o máximo órgano de decisión entre asembleas da confluencia. As urnas pecharán esta segunda feira cando se coñecerán os primeiros resultados provisionais das tres candidaturas.

Plenario de En Marea decembro de 2016
photo_camera Plenario de En Marea


En Marea encetou este sábado con “normalidade” e “fluidez” as eleccións para o Consello das Mareas, nas que 1.903 persoas terán dereito a voto, segundo confirman desde o comité electoral.  Uns comicios internos que decidirán a composición do máximo órgano de decisión entre asembleas do partido instrumental. Tres candidaturas concorren no proceso de elección dos 35 representantes do Consello, que se repartirán de forma proporcional aos resultados de cada lista na consulta, e que será o encargado de decidir os 11 integrantes da coordinadora. 

As urnas pecharán esta segunda feira 23 ás 9:00 horas, momento a partir do cal se realizará “un control antifraude” e posteriormente comezará o reconto. Ese mesmo día coñeceranse os primeiros resultados provisionais, que se anunciarán de forma definitiva dous días despois. O órgano quedará constituído oficialmente a partir do próximo sábado 28.

Se ben até última hora os principais líderes de En Marea apostaron nunha candidatura única e de consenso, tres programas compiten finalmente nestas primarias. 'Máis Alá', encabezada por Luís Villares e co líder histórico Xosé Manuel Beiras nela; 'Somos Quen', que lidera o ex alcalde de Manzaneda e deputado no Parlamento galego Davide Rodríguez (Anova); e 'Queremos Participar', promovida por Cerna e coa ex parlamentar Consuelo Martínez García como cabeza de lista.

Algo menos de 2.000 persoas, fronte as máis de 10.000 que votaron nas primarias das eleccións galegas, decidirán o peso de cada proposta. A principal incógnita ten a ver co papel de Luís Villares. A súa propia candidatura veta a posibilidade de que compatibilice o cargo de máximo representante orgánico da confluencia co institucional fronte a postura das outras listas.

Comentarios