"NON DAMOS ATINADO COA VOSA AGULLA DE MAREAR", REPLICA INICIATIVA POLA UNIóN

Marea.Gal despraza aos partidos a responsabilidade de chegar a un acordo

Afástase a hipótese dunha confluencia entre as plataformas Iniciativa pola Unión e Encontro Cidadán por unha Marea Galega. "A responsabilidade de chegar a un acordo é dos partidos e non pode ser desviada cara ás plataformas", así nestes termos responde Marea.Gal á proposta de converxencia formulada pola Iniciativa pola Unión.

Marea_gal
photo_camera Foto: Marea.Gal


A pasada segunda feira 14 de Setembro, a Iniciativa pola Unión dirixiu unha misiva ao Encontro Cidadán por unha Marea Galega coa proposta de abrir un proceso de confluencia entre estas dúas plataformas cidadás partidarias da criación dunha candidatura de unidade galega ao Congreso.

A resposta chegou tres días despois, a meio dunha carta asinada pola Coordenadora do Encontro Cidadán por unha Marea Galega. Nela exponse o criterio de que "o verdadeiramente crucial é a unidade nunha soa candidatura, a confluencia dos partidos entre eles e a coa cidadanía non encadrada en partidos, máis que a unidade de plataformas". Após relativizar o valor da confluencia destes colectivos, Marea.Gal afirma: "A responsabilidade de chegar a un acordo é dos partidos, e non pode ser desviada cara ás plataformas". Este apelo do Encontro Cidadán ao protagonismo dos partidos é bastante chocante nunha plataforma que alicerza o sue discurso no "empoderamento da cidadanía".

Sexa como for, o Encontro Cidadán explicita o seu "interese" en "tecer relacións estábeis" e en "construír procesos que poidan permanecer e madurar", o que implicitamente significa que non ten a confluencia -val dicer, a fusión coa Iniciativa pola Unión- como obxectivo prioritario.

A proposta da Iniciativa pola Unión é inequívoca na súa aposta na converxencia -isto é, na criación dun novo "espazo común"- e até incluía un rascuño de guión para a confluencia: unha convocatoria conxunta dun encontro nacional a finais de setembro, a creación inmediata dun grupo de traballo paritario con participantes das dúas coordinadoras, a elaboración dun censo conxunto, ben como o estabelecimento dunha fórmula de participación individual mixta (presencial  máis telemática).

O Encontro Cidadán, embora non desbote a hipótese da confluencia, si que descarta unha convocatoria conxunta a finais de setembro

Ese Encontro Nacional tería que ter como obxectivos a escolla dunha coordenadora conxunta, o inicio da elaboración do programa eleitoral e a definición do procedemento para a realización das primarias.

Na súa resposta, o Encontro Cidadán, embora non desbote a hipótese da confluencia, si que descarta a convocatoria dunha reunión conxunta a finais de setembro mentres non se fale antes "dos nosos principios, programas e das nosas metodoloxías". "Convocar conxuntamente un encontro para unificarnos sería a meta do proceso, e dificilmente pode ser o inicio", alega.

Unha nova proposta

Alén do maís, o Encontro Cidadán tamén mostra o seu malestar polo que interpretan como "presión" de algúns partidos -cuxa identidade non explicita, embora é evidente que implicitamente se referen ao BNG- na reunión realizada o pasado 9 de setembro, encontro en que se frustrou a hipótese de realizar unha convocatoria conxunta para o sábado 12 (finalmente, foi un acto só da Marea Galega sen que a el asistise a Iniciativa pola Unión como tal).

Marea.Gal exterioriza a súa irritación por que desde as esferas partidarias se lle inste á confluencia "convosco", expresa na súa comunicación á Iniciativa pola Unión. A Marea Galega enfatiza tamén que é un "espazo de encontro" non tutelado ou dirixido por "ningún" partido, no que ten todo o aspecto de ser unha carga de profundidade a IxU.

Aliás, a resposta da Marea.Gal non é unha negativa fechada. Non recollen a luva tendida por Iniciativa coa súa carta do día 14, mais si a anima a que formulen unha "nova proposta de diálogo".

A réplica de IxU, o terceiro elo da troca epistolar, chegou o sábado 19 de setembro. Na súa nova comunicación, a coordenadora provisoria de Iniciativa pola Unión salienta a existencia dunha "notábel coincidencia en procesos, meios e obxectivos" co Encontro Cidadán e a seguir reflicte sobre as diferentes circunstancias en que se produciu o aparecimento destas dúas plataformas cidadás. "Cada un nace como pode. Uns nunha sentada que se dota dunha web cunha denominación contrastada, outros nunha asemblea de libre acceso á que asistiron 400 persoas (entre elas varios membros da vosa coordenadora, a anterior e a actual)", afirma a Iniciativa.

O desencontro parece evidente. Do ton das misivas non se tira a impresión de que poda haber un encontro en breve entre as coordenadoras para abrir o proceso de confluencia

A respeito do papel dos partidos, IxU advírtelle ao Encontro Cidadán que "as queixas polos seus comportamentos deben ir dirixidas a eles" "Entre as nosas responsabilidades [as das plataformas] está, sobre todo, a de pular xuntos nunha mesma dirección", engade.

Iniciativa continúa a acreditar que unha convocatoria conxunta é o mellor meio para avanzar cara á confluencia e empraza o Encontro Cidadán a que "nos fagades vós a proposta que consideredes axeitada á vosa folla de ruta".

O desencontro parece evidente. Do ton das misivas non se tira a impresión de que poda haber un encontro en breve entre as coordenadoras para abrir o proceso de confluencia. Con xeito de brincadeira, Iniciativa pola Unión sintetiza así o actual estado de cousas: "É obvio que non damos atinado coa vosa agulla de marear, sexa metodolóxica ou procesual".

Comentarios