O portavoz racha con Cerna

En Marea fecha a súa refundación reforzando a continuidade de Villares

Os aproximadamente cento cincuenta asembleístas presentes na xornada do sábado 13 de xullo no plenario de En Marea que decorreu na aula B da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela aprobaron unha nova definición ideolóxica e marcaron o calendario electoral para a elección da dirección. Unha cita que terá lugar o 29 deste mes.

D_YC1UdXsAECVWn
photo_camera [Imaxe: En Marea] Ana Seixas e Luís Villares

O proceso asembleario de En Marea estivo marcado polas diferentes perspectivas a respeito de como afrontar o futuro da formación após os recentes fracasos electorais da formación nas xerais, europeas e locais e após a ruptura do grupo parlamentario.

As persoas inscritas coincidiron en cualificar os resultados dos últimos comicios de “malos sen paliativos” e sinalaron como causa dos mesmos o contexto político xeral, a debilidade organizativa e a conflitividade interna. Así, entre estes últimos, destacaron as “liortas internas e o tratamento mediático”, a “imposibilidade de visibilización da acción política, mesmo da institucional”, a “ruptura demasiado próxima aos procesos electorais que xerou confusión de En Marea con outros proxectos do espazo político” ou a “falta de militancia e compromiso”. Tamén se cuestionou a figura da persoa “inscrita” e advertiuse que os denominados alcaldes do cambio "fixeron moito dano a En Marea”.

Sinalouse que os denominados "alcaldes do cambio" fixeron "moito dano a En Marea"

As diverxencias sobre o camiño a seguir entre o grupo conformado por membros do  colectivo Cerna e de Anova e o núcleo de inscritos agrupados arredor de Luís Villares manifestouse durante o plenario. A maioría dos inscritos rexeitaron unha emenda presentada polos membros do Colectivo Cerna Paula Verao, Chelo Martínez, Ramón Verdini, Mario López Rico e Ramón Mouriño Afonso, onde solicitaban adiar para o mes de outubro as “decisións de máis calado con iniciativas orgánicas e/ou programáticas e calendario preelectoral”, ao considerar “evidente” que “temos visións un tanto diferentes do que facer é polo que, para manter a cohesión e agrupar esforzos, debemos reafirmármonos naquelo que temos en común”.

As fontes consultadas por Sermos Galiza coinciden en sinalar que “a emenda era unha proposta de compromiso para tentar de salvar as diferenzas cada día máis fortes entre os sectores que reclaman unha En Marea encadrada no campo do soberanismo e aqueloutros que buscan referenciarse fóra destas coordenadas ideolóxicas”.

Luís Villares racha con Cerna

As resolucións aprobadas no plenario representan unha vitoria de Luís Villares, cuxas posicións políticas fican reforzadas. Se no debate que antecedeu a asemblea, tal e como xa sinalou Sermos Galiza seguindo o recollido no denominado “Documento expositivo. Síntese conclusión das asembleas comarcais”, unha parte dos inscritos entendía que a figura de Villares “se vía como queimada”, unha vez rematado o plenario non fica dúbida da súa continuidade á fronte da organización.

A maiores, a ruptura da alianza tácita entre Cerna e Villares, outorga a este último e ao seu círculo todo o poder nunha formación onde até a data repartíanse os papeis entre uns e outros, asumindo os primeiros o peso das cuestións orgánicas e responsabilizándose os segundos da actuación pública.

En Marea votará a nova dirección o 29 de xullo

As incógnitas que fican por resolver sobre o futuro de En Marea son moitas. As próximas semanas a formación deberá a proceder á elección da nova dirección, mediante un proceso interno que arrancaría coa presentación de candidaturas a partir do 18 de xullo, a votación o 29 de xullo e a súa proclamación provisional o 1 de agosto, nun proceso no que se dá por seguro o trunfo dos afíns a Villares pero no que hai dúbidas sobre a participación dos críticos.

Está por ver como as diferenzas existentes na formación repercuten no día a día de En Marea e se o sector maioritario é quen de xestionar a pluralidade interna para evitar unha nova fenda. Xa por último, En Marea deberá resolver a súa fórmula de concorrencia as eleccións autonómicas, decisión que o plenario delegou no conxunto dos inscritos e que a formación deberá adoptar no mes de outono.

Comentarios