En Marea fai punto e á parte

Case 200 toman parte no V Plenario da organización que, xa sen Podemos, Esquerda Unida nin Anova, quer situar o inicio dun novo camiño, autónomo e afastado de “rupturismos”.   Existe un espazo político dentro do “bloque progresista galego” que sen En Marea estaría “orfo”, defende Luis Villares.

plenario en marea
photo_camera Imaxe: En Marea

En Marea fixo punto e á parte este sábado na Facultade de Económicas de Compostela, sede do seu V Plenario, o primeiro sen Podemos, Esquerda Unida nin Anova, as tres patas organizativas sobre as que naceu. O seu portavoz, Luis Villares, afirmou que o que nacía este sábado na capital galega era “unha nova marea ilusionada” e integrada por “xente independente”.

Por volta de 200 persoas, segunda a organización, tomaron parte neste encontro. “O primeiro era facer unha reflexión sobre todo o camiño percorrido nos anos da unidade popular”, informou Villares, que criticou as “cúpulas dos partidos” por “impedir un traballo san” nestes anos en En Marea.

Necesaria no campo “progresista”

Na súa intervención ante os medios, nunha pausa no Plenario, o portavoz asegurou que existe un espazo político dentro do “bloque progresista galego” que sen En Marea estaría “orfo”. Desmarcouse dun PSOE con políticas económicas, dixo, que “non son quen de satisfacer a esas grandes capas da sociedade que hoxe están precarizadas”.

Villares engadiu que, ao tempo, En Marea quer representar "un proxecto de país amplo que non está representado neste momento por parte do BNG, que non chega a toda Galiza coa súa idea nacional". "Ofrecemos unha idea aberta de nación onde todas se poidan sentir cómodas", manifestou.

A un ano das eleccións, indicou, En Marea está “ilusionada” por poder presentar “porpostas en positivo”. Non quixo entrar, iso si, en fórmulas de concorrencia a eses comicios, indicando que iso ficaría para máis adiante.

Pola súa banda, a viceportavoz, Ana Seixas, explicou que durante o Plenario a deputada e os deputados no Parlamento alego (Paula Vázquez Verao, Franciso Casal, Davide Rodríguez e Luís Villares) “leais a esta formación dende o principio” deron conta da situación actual e de como afrontan a nova etapa no Hórreo.

Comentarios