INVESTIDURA DE PEDRO SáNCHEZ

En Marea fai parte do equipo negociador de Podemos mentres Compromís falará directamente co PSOE

Iñigo Errejón afirmou esta cuarta feira que o partido de Pablo Iglesias e os seus “socios” cataláns e galegos negociarán “cunha soa voz”. 

felipe VI alexandra fernandez en marea

Pedro Sánchez inicia esta cuarta feira a súa rolda de contactos coas formacións parlamentares de cara a lograr apoios de abondo para a súa investidura. Unha rolda na que En Marea e En Comú Podem farán parte con Podemos dun mesmo e único equipo negociador. O que contrasta co papel de Compromís, que si que falará directamente co PSOE após optar por se integrar no grupo mixto e non no 'grupo plurinacional' de Podemos. Mónica Oltra, vice-presidenta de Valencia e dirixente de Compromís, estará presente nesa interlocución dos valenciáns con Pedro Sánchez.

Íñigo Errejón, portavoz de Podemos no Congreso, explicou esta cuarta feira que o partido de Pablo Iglesias, En Marea e En Comú Podem negociarán a investidura “cunha soa voz” posto que forman o mesmo grupo parlamentar “plurinacional”, garantindo que ambas as dúas confluencias formarán parte da equipa.

“Somos un só grupo parlamentar plurinacional e por tanto negociaremos cunha soa voz", dixo Errejón

“Somos un só grupo parlamentar plurinacional e por tanto negociaremos cunha soa voz. Iso implica que tamén dentro do noso equipo negociador haberá compañeiros representantes de En Comú e En Marea, mais cunha soa voz, e negociaremos xuntos”, manifestou Errejón.

Deste xeito, indican axencias como EP, Errejón dá por feito que as confluencias non se reunirán por separado co PSOE. Xavier Domènech, porén, sinalou que se os socialistas os convoca, irán como forza propia, mais que tamén apostan en negociar de forma conxunta con Podemos.

Comisións

De por parte, estase a proceder estes días a se constituír as diferentes comisións parlamentares. En base ao reparto acordado entre as 4 principais formacións, coa participación doutras menores, Podemos presidirá 3 das comisións. Unha das constituídas é a Comisión Constitucional, da que fará parte o deputado de En Marea Antón Gómez-Reino. A parlamentar Yolanda Díaz integrará a Comisión de Orzamentos.

Comentarios