Patrimonio da Humanidade

En Marea esixe un plan socioeconómico para a Ribeira Sacra

A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade dá os seus primeiros pasos. En Marea vén de facer pública unha proposta non de lei para o desenvolvemento socioeconómico integral na zona. A formación política entende que a comarca deberá ser previamente declarada Ben de Interese Cultural.

A Ribeira Sacra no programa Imos de Viños
photo_camera Paisaxe da Ribeira Sacra. Foto: cedida.

Para poder optar a dito recoñecemento, considera En Marea, cómpre corrixir déficits estruturais das comarcas da zona e “involucrar de maneira activa a poboación”, co fin de conservar o patrimonio cultural herdado e protexer o medio ambiente.

Amais, a declaración da zona como Patrimonio da Humanidade podería implicar o financiamento do plan de recuperación a mans da Unesco, o que serviría como empuxe ao turismo e á viticultura na zona. O grupo parlamentar de En Marea propón tamén realizar reunións coas distintas comunidades para explicar as consecuencias que tería na vida cotiá da veciñanza a declaración.

En Marea reclama “especial atención” ás ameazas que sofre o territorio debido ao seu “sobre-aproveitamento hidroeléctrico, a escasa rede de saneamento ou a falta de ordenación territorial e desorde forestal”, tal e como explicou a deputada Paula Vázquez Verao, quen salientou que se trata de lugares “especialmente envellecidos” e de baixo nivel de renda en comparación con outras zonas de Galiza.

Comentarios