En Marea elaborará unha proposta de financiamento local

Reitera que os seus deputados votarán en contra dos Orzamentos do Estado se non hai cambios "substanciais"

En Marea
photo_camera En Marea

O Consello das Mareas acordou na súa reunión de hoxe "pór en marcha un plan de financiamento local". O voceiro de En Marea, Luís Villares, apuntou que resulta fundamental para un espazo como o que lidera, "onde o municipalismo ten tanta importancia", a elaboración dunha proposta política e económica para o financiamento dos concellos. Esta iniciativa, asegurou, "será debatida e compartida coas mareas locais" e pretende ser unha "proposta que formule as reformas que consideramos necesarias tanto a nivel estatal, autonómico e municipal para que os concellos dispoñan dun financiamento acorde cos servizos que prestan". Desde En Marea constátase un "infrafinanciamento" municipal e que "resulta necesario reformar todo o sistema de financiamento local", asegurou Villares. 

Na rolda de prensa posterior ao Consello, o portavoz de En Marea quixo expresar o seu apoio "a todas as mobilizacións sanitarias que teñan lugar en Galiza e, en especial, á manifestación que terá lugar en Santiago a vindeira fin de semana" e chamou a atención sobre "a perda de dereitos que padecen as galegas desde hai dez anos nun proceso que é necesario reverter". Ademais, manifestou que o Consello das Mareas mantén a súa "negativa decidida aos Orzamentos do Estado pola súa falta de compromiso con Galiza mentres non se avance na negociación co Goberno", malia que a maioría dos seus deputados no Congreso manifestaron anteriormente que si que o farían. A vicevoceira do partido instrumental, Ana Seijas, explicou que "a nosa posición fronte aos Orzamentos do Estado segue sendo de votar en contra" e sinalou que a situación agora era de "negociación co goberno", pero que mentres non se consiga unha mellora substancial na posición galega nesas contas a posición das deputadas de En Marea "será votar en contra".

Villares tamén lembrou que o presidente da Xunta, Núñez Feixoo, "terá que explicarse sobre o pacto andaluz" esta semana. "Terá que dicir", proseguiu, "se está a favor ou en contra" e se "entende que o que está pedindo o seu socio de goberno en Andalucía é que desapareza a Xunta de Galiza". O portavoz de En Marea apuntou que o líder do PPdeG está a vivir "unha situación paradoxal porque o balanzo da súa xestión á fronte da Xunta nos últimos dez anos é moi claro: unha década na presidencia, cero transferencias conseguidas, e iso malia contar con gobernos amigos en Madrid". Segundo Villares, as "comenencias partidarias de Feixoo fan que durante as últimas semanas adopte o disfraz de autonomista e centrista para reclamar en quince días o que non se atreveu a reclamar en dez anos". 
 

Comentarios