En Marea dótase dunha mesa coordinadora integrada por 12 membros

Constituiríase a vindeira segunda feira, se ben a data aínda non está fechada. Sobre a mesa, unha primeira tarefa: fixar posición arredor da investidura.

En Marea Compostela

En Marea está a se dotar das estruturas e organismos internos que garantan o seu funcionamento e actividade. Entre eles, unha Mesa Coordinadora, que estaría integrada por 12 membros: 2 por cada un dos partidos impulsores (Anova, Podemos e Esquerda Unida) e 6 doutros axentes políticos, nomeadamente das mareas. Se ben non hai data definitiva fixada, o máis probábel é que esta mesa se constitúa a vindeira segunda feira. Sobre a mesa, e como primeira tarefa do novo organismo, fixar posicionamento sobre a investidura do presidente do goberno español. Fontes de En Marea confirmaron a Semos Galiza que mentres non se constitúa a mesa non hai opinión formal da coligazón sobre este tema, só opinións persoais.

Esta mesa tamén terá como unha das tarefas, segundo afirman desde Anova-Irmandade Nacionalista, a de deseñar o artellamento do grupo parlamentar, “que segundo o acordo político terá como portavoz no primeiro período de sesións a unha deputada de Anova, e determinará a adscrición parlamentaria do senador e da senadora”. Unha explicación que se fai ao abeiro do coumento no que esta formación avalía os resultados do 20-D. Para Anova, eses resultados amosan que “o espazo de confluencia está creado. E medra cada día”. Recoñecen, porén, que “cómpre melloralo no fondo e nas formas, seguir incluíndo actores, implementar canles de participación e continuar desenvolvendo o proxecto político. Ao cabo, procurar a hexemonía”.

O 20-D amosou, indica a formación, que “existe unha onda de cambio imparábel que, efectivamente, xa está a mudalo todo para que nada siga igual”. E destaca que “un de cada catro galegos e galegas votaron por esta opción [En Marea], pola emancipación social e nacional do pobo galego”.

Comentarios