En Marea disolverase como formación política

A disolución non vai ser inmediata e En Marea seguirá “cunha estrutura mínima para dar soporte ás mareas municipais”.
 
Panco Casal, candidato nas eleccións galegas, na rolda de prensa na xornada do plenario
photo_camera Pancho Casal, candidato nas eleccións galegas, na rolda de prensa na xornada do plenario (Imaxe: Arxina)

O plenario da formación política En Marea decidiu este sábado, 26 de setembro, disolver a organización. Con todo, a desaparición “non será inmediata”, sinalan fontes de En Marea a Nós Diario.

Será pois unha disolución ordenada e seguirase polo do momento “cunha estrutura mínima para dar soporte ás mareas municipais”.

En Marea creouse como formación política en 2016 para agrupar as forzas da esfera da esquerda rupturista que tempo despois desentendéronse desta marca que nas eleccións galegas, baixo a fórmula de Marea Galeguista, ficou en 0,22% do voto.

O plenario desenvolveuse este sábado no Hotel Congreso de Teo e sobre a mesa había a idea de ben, seguir avante co proxecto ou ben pór o punto final. Nas eleccións galegas de hai catro anos, co maxistrado Luís Villares á fronte, En Marea obtivo case 275.000 votos que a colocaron, con 14 deputados, á fronte da oposición ao PP de Alberto Núñez Feixoo no Parlamento.

Con todo, as diferenzas entre as distintas formacións e correntes que convivían no proxecto de confluencia empezaron a notarse ao pouco de arrincar unha lexislatura que resultou convulsa polas tensións internas.

A división interna e o continuo cruzamento de declaracións marcaron a traxectoria dae En Marea, que terminou por escenificar a súa división a comezos de 2019, cando Podemos, Esquerda Unida e Anova (promotores do proxecto rupturista) romperon co sector de Villares, que mantivo as siglas a nivel orgánico pero que, ao estar en minoría no seo do grupo parlamentario, acabou integrando o grupo mixto.

Comentarios