En Marea di ter “todas as liñas abertas” para unha coalición con Anova e mareas municipalistas

Considera que o seu partido debe ser o "núcleo" das forzas municipais e outras "soberanistas"

Luís Villares no Parlamento da Galiza (Europa Press)

O portavoz de En Marea, Luís Villares, asegura ter "todas as liñas abertas" para que "non quede ningunha oportunidade sen explorar" á hora de buscar unha coalición con outros partidos como as "forzas soberanistas" nas que entraría Anova e as mareas municipalistas.

Así respondeu o deputado esta cuarta feira ante os medios ao ser preguntado sobre os contactos que se estableceron até agora con  Anova. Ante uns novos comicios electorais para o 5 de abril, Villares non desbota establecer acordos tanto con Anova como coas mareas municipais que "queiran cambiar o país".

"Tender pontes"

Neste sentido sostén o seu "chamamento á cooperación municipal" e considera esta cita "unha oportunidade" para que En Marea constitúa o "núcleo" de "todas as mareas municipalistas do país e outras forzas". Así, dixo, pretenden "tender pontes, lonxe de pór barreiras" para "avanzar".

A súa posición segue distanciada de Podemos e, respecto ao partido morado e a posíbel candidatura de Antón Gómez-Reino para as primarias prefire "non opinar". "Podemos nunca se caracterizou por ser unha forza municipalista, competía contra as Mareas en Lugo, Ourense ou Pontevedra", por este motivo "o natural é que centrifugue ás mareas", afirma.

Todo este escenario serve, a xuízo de Villares, para "estar ás portas dunha reconfiguración do espazo político" que no seu partido "celebran".

200 millóns de euros

Por outra banda, Luís Villares fixo un chamamento a PSOE, Podemos, BNG e PP para que "deixen de utilizar electoralmente" a demanda ao Estado dos 200 millóns do IVE. Manifestou que En Marea "foi a única forza política" que tentou "solucionar" o pago correspondente a este imposto cunha PNL no Parlamento galego.

Cre que nin a vía xudicial --que propoñen BNG e PP-- nin a posición actual do Goberno de coalición de PSOE e Podemos solucionarán a problemática que se dá en todos os territorios. Villares afirma que "ese diñeiro pertence a Galiza", pero que "non está nas arcas galegas pola reforma da lei" que estableceu Cristóbal Montoro en 2017.

A idea entón sería volver reformar a lei da devolución do IVE e que se aplique con carácter retroactivo para que eses 200 millóns de euros cheguen ao territorio galego e invístanse en "políticas sociais, sanidade ou dependencia", é dicir, "no interese cidadán".

Comentarios