En Marea di que esta semana trasladará “oficialmente” ao PSOE as súas condicións para apoialos

Gómez-Reino xustifica que estas non aparecesen no programa de Podemos-En Comú-En Marea para formar goberno cos socialistas en que este se centraba en “cuestións de relevo para unha estrutura de goberno” e non en medidas "programáticas".

en marea fernán vello gomez reino yolanda díaz

Esta semana En Marea trasladará de forma oficial ao PSOE as súas propostas e condicións para dar o seu apoio a un goberno dos socialistas. Así o anunciou o deputado Antom Gómez-Reino, en declaracións recollidas pola TVG, que apontou que llas trasladará engadindo “se ten a ben recibilas”. O coruñés, deputado no Congreso e un dos homes de confianza de Pablo Iglesias, tamén se pronunciou sobre a polémica xerada pola ausencia desas propostas no documento de 98 páxinas asinado por Podemos-En Comú-En Marea como programa proposto para un goberno. Gómez-Reino afirmou que o que se recolle nese documento “son as cuestións de relevo para unha estrutura de goberno ou de Estado”.

É, pois, explicou, un documento que “non entra en cuestións concretas, de medidas específicas e programáticas”. Esas medidas e condicións son as que nesta semana van trasladar ao PSOE, cualificándoas o parlamentar de Podemos en En Marea como “condicións imprescindíbeis”.

Xosé Manuel Beiras atribuiu a ausencia de Galiza no documento de Podemos a problemas de "conexión" de En Marea co grupo de Iglesias. nesta liña, falou de “desfase” e “falta de coordinación”. Asegurou que En Marea elaborou un informe e que ese documento está en mans de Podemos.

Máis en POLÍTICA
Comentarios