En Marea descarta a alianza con Errejón

O Consello das Mareas vén de desbotar unha alianza con Más País, o partido de Íñigo Errejón, de cara ás eleccións do 10 de novembro. O partido sinala que a decisión de non concorrer cos madrileños ten a ver coas “dificultades atopadas para que Más País asumise unha auténtica axenda galega”.

CVillares Foco
photo_camera Luís Villares, portavoz de En Marea.

A pasada quinta feira, día 26, o deputado de En Marea Pancho Casal abría ás portas á integración da forza que lidera Luís Villares no proxecto de Íñigo Errejón. Traballaban, sinalaba Casal, nunha “plataforma multinacional” que incluiría Compromís e, segundo o parlamentar, o contacto era “moi fluído”.

Porén, o na tarde do domingo En Marea facía público un comunicado de imprensa no que desbotaba o acordo con Errejón. A ruptura debeuse, segundo sinala o partido, ás “dificultades encontradas para que Más País asumise unha auténtica axenda galega e un marco verdadeiramente confederal no funcionamento da alianza”.

Cando fican menos de 24 horas para que conclúa o prazo de presentación de coalicións ás eleccións estatais, En Marea asegura que centra os esforzos en “promover a candidatura galega única, ampla e que represente os intereses de Galiza en clave progresista”. “Desde En Marea emprazamos as demais forzas progresistas galegas a sumarse a esta candidatura única co obxectivo de conseguir unha axenda política propia no Congreso e, ao tempo, desenvolver unha axenda social e democrática que atenda as emerxencias que vive o noso país, climática, feminista e social”, recolle o comunicado.

Pronunciábase na mesma liña o pasado sábado, día 28, Anova, que di perseguir “unha candidatura alternativa real e unitaria” con “toda a esquerda política e social galega”. O partido de Antón Sánchez facía alusión aos “valores que levaron en Galiza ao proceso de acumulación de forzas desde 2012”, cando Anova asinaba con Esquerda Unida e Equo o selo de AGE. 

Comentarios