En plena campaña

En Marea denuncia presións do PP para abrir o centro de saúde do barrio ourensán do Couto

En Marea acusa o PP de pretender empregar a apertura do centro de saúde do Couto “para promover a súa campaña electoral”. O citado equipamento, aínda en obras, carece de licenza de apertura.

[Imaxe: Xunta] Visita aos terreos do centro de saúde do Couto
photo_camera [Imaxe: Xunta] Visita aos terreos do centro de saúde do Couto en febreiro de 2015

En Marea advirte da existencia de “presións” por parte do Partido Popular para que se abra o novo centro de saúde do barrio ourensán do Couto en plena campaña electoral, algo contrario “á legalidade e aos propios informes técnicos municipais”, segundo advirte nunha nota de imprensa.

A formación asegura que o concelleiro de Urbanismo de Ourense tiña afirmado que a legalidade “obrigaba a acondicionar o entorno” e “fixaba para 2017 a data de apertura”. “A pretendida apertura por parte da Administración autonómica sen agardar pola urbanización do entorno amosa que ou ben non visitaron o recinto e as condicións nas que se atopa ou que alguén está a presionar para axilizar o trámite de apertura”, engade En Marea.

"Estamos perante un gravísimo uso partidista das institucións por parte do Partido Popular na Xunta de Galiza"

Para En Marea, “estamos perante un gravísimo uso partidista das institucións por parte do Partido Popular na Xunta de Galiza, quen despois de recortar un 20% o orzamento da sanidade pública en sete anos, eliminar 500 camas nos hospitais, aumentar as listas de espera, colapsar as urxencias e recortar 1800 prazas de persoal médico, pretendía empregar a apertura deste centro de saúde para promover a súa campaña electoral”.

A forza política refírese a Alberto Núñez Feijóo como “o presidente da Xunta de Galiza que pasará a historia por ser acusado de homicidio por retirar fármacos a enfermos de hepatite C e pretendía agochar a súa xestión en contra da sanidade pública presionando para inaugurar un Centro de Saúde en obras e aínda sen licenza de apertura”.

Comentarios