En Marea denuncia na Fiscalía unha “suposta trama de corrupción” en Valga

En Marea vén de presentar perante a Fiscalía de Pontevedra unha denuncia por unha suposta trama de corrupción no Concello de Valga que implicaría a Alcaldía e a Secretaría e Intervención.

unnamed
photo_camera No centro, Elena Cores.

Algunha das prácticas desenvolvidas polo Concello de Valga e que implicarían tanto a Alcaldía como os departamentos de Secretaría e Intervención son contrarias a legalidade, entende En Marea. De aí que o partido encabezado por Luís Villares denunciase perante a Fiscalía de Pontevedra unha suposta trama de corrupción.

Con esta denuncia, En Marea pretende que se inicie unha investigación que conclúa, di, coa depuración das responsabilidades pertinentes. A contratación, a iniciativa do propio alcalde, do secretario e do interventor foi realizada de xeito irregular, considera En Marea.

A membro da Coordinadora de En Marea e concelleira de Gañemos Vilanova, Elena Cores, afirma que os postos de Secretaría e Intervención “foron cubertos partindo dunha previsión orzamentaria anual moi inferior ao salario que, por categoría, lles correspondería”.

Fíxose así, segundo sospeita a formación, “co presunto obxectivo disuadir os funcionarios que puidesen estar interesados en optar a eles, de xeito que remataran sempre por estar vacantes”. O alcalde (José María Bello Maneiro, do PP), sinala, podería “botar man” de persoas “que lle resulten cómodas para o exercicio da súa actividade e que non poñan reparos". 
 

O déficit salarial contemplado nesas ofertas tería sido compensado, segundo os datos que serven de base á denuncia presentada por En Marea, a través de dietas. Un procedimiento que, ao entender desta formación, "dá pé a unha presunta trama de corrupción dentro do Concello de Valga".

Adxudicación indebida
 

En Marea denuncia ademais a “presunta adxudicación indebida dun contrato de reforzo administrativo a unha socia do interventor e o posterior exercicio das funcións adxudicadas á mesma por unha terceira persoa”.

A formación entende que “esa vinculación directa entre a empresa privada e o Concello deben ser investigadas pola Fiscalía. Así como o feito de que a persoa que está a prestar na práctica esas tarefas de reforzo administrativo sexa un xubilado, en lugar da persoa inicialmente designada para tal fin”. 

“Unha persoa xubilada non pode estar traballando no Concello, por moi coñecida que sexa nin por moito interese que teña o alcalde en telo aí", indica Elena Cores, que considera que se está incumprindo tamén a Lei de Protección de Datos. "Así o ten recoñecido o propio alcalde, que xustifica o labor de apoio desa persoa", conclúe.

Comentarios