En Marea denuncia na Fiscalía a contaminación por xurros na comarca da Limia

O deputado Davide Rodríguez solicita á Xunta que active  medidas para a xestión destes residuos. 

 

en marea

En Marea denunciou ante a Fiscalía de Medio Ambiente de Ourense o problema ao que está sometida a comarca da Limia derivado da produción gandeira en intensivo e polos residuos que está a xerar. “A Xunta ten que darlle solución a este problema”, manifestou o deputado Davide Rodríguez, quen estivo acompañado polo candidato de En Marea ao Congreso por Ourense, Iván Olmos e polo membro do Movemento Ecoloxista da Limia, Manuel García.
 

O parlamentar solicitou a apertura dunha investigación para depurar responsabilidades sobre a contaminación das augas da comarca, a publicación dun decreto de obrigado cumprimento para regular estes residuos agrogandeiros, a posta en funcionamento dunha planta de tratamento “que leva anos pechada e que se fixo con fondos europeos “Non imos en contra de ningunha empresa, pero si deste modelo de produción e das políticas agroambientais que vén desenvolvendo a Xunta”, afirmou Rodríguez. 
 

A preocupación pola contaminación de acuíferos e masas de augas subterráneas na chaira da Limia, que achacan á mala xestión dos residuos das macroganxas existentes na zona, levou a veciñanza a organizarse para denunciar esta situación e procurar solucións. Un paso neste compromiso é a plataforma 'Auga Limpa xa!' que veñen de constituír veciños e veciñas da Limia, Baixa Limia, Celanova e Monterrei.

"En só tres anos aumentou en 39% a concentración de nitratos nas masas de auga subterráneas da chaira da Limia", afirma o recén nado coletivo a través dun comunicado. Hai veciñas e veciños, explican, que están consumindo auga non potable dos seus pozos porque descoñecen que superan os 50 miligramos de nitratos por litro. Actualmente na Unión Europea o nivel máximo permitido é de 50 mg/l, sendo 25 mg/l o valor guía. As analíticas da Confederación Hidrográfica do Miño Sil chegaron a rexistrar ata 174 mg/l (agosto 2017, perto do canal da Lagoa de Antela, en Vilariño das Poldras).

Comentarios