En Marea denuncia a caída da produción industrial e pide garantir a electrointensiva

Como o BNG na mesma mañá desta segunda feira, En Marea dedicou a súa comparecencia de prensa á situación da industria. Denunciou a caída do 14% no índice de produción do sector e amosou a súa preocupación polas electrointensivas, para as que propuxo dez medidas de choque.

villares casal
photo_camera O portavoz de En Marea Luís Villares (dereita) e o deputado Francisco Casal. Foto: En Marea.

“A nosa economía está perdendo posicións no ránking sectorial industrial”, expuxo o portavoz do grupo parlamentario Luís Villares, quen se referiu á caída do 14% no índice de produción industrial. “Cando hai unha situación de desfeita os gobernos non poden permanecer á expectativa”, dixo, e gabouse de que En Marea “está suplindo” esa inacción con iniciativas parlamentarias.

Esta segunda feira presentou, en concreto, un decálogo de medidas para o futuro da industria electrointensiva. “Os prezos da enerxía están asfixiando as industrias electrointensivas e supoñen unha estafa ao final de cada mes para as familias galegas e do resto do Estado”, sinalou.

As propostas de En Marea inlúen a esixencia de que nos documentos de venda de Ferroatlántica figra a garantía de competitividade das factorías de Cee e Dumbría e o uso do autoconsumo para garantir un prezo da enerxía competitivo. Un plan de recuperación das concesións hidroeléctricas caducadas para que as xestione un novo ente -Electricidade de Galiza-, axudas públicas para microcentrais eléctricas sen impacto ambiental ou o control público da rede de distribución eléctrica son outras das medidas da coalición de partidos.

Comentarios