sábado 26/09/20
POLÍTICA

En Marea decide se concorre ás eleccións e se aposta por unha coalición

Un plenario extraordinario debaterá mañá se a formación se presenta aos comicios do 12 de xullo e, no caso de concorrer, que fórmula é a máis axeitada para facelo.
A portavoz da formación, María Chao (En Marea).
A portavoz da formación, María Chao (En Marea).

A militancia de En Marea decidirá mañá se o partido concorre ás eleccións galegas do 12 de xullo nun plenario telemático extraordinario. A formación, que desbotara participar nos comicios do 5 de abril, alega que "mudou todo o panorama nestes meses". 

Do plenario tamén sairá a fórmula baixo a que En Marea podería presentarse ás eleccións. Desta maneira, se a maioría das inscritas aposta por formular unha alternativa nas urnas, votarán se o partido concorre "en solitario ou en coalición e, de ser en coalición, se é con plataformas municipais e partidos políticos". 

"En En Marea as inscritas son quen teñen a última palabra", asegura a portavoz da formación, María Chao, que salienta que a "base" será "un programa baseado en combater as emerxencias climática, social e feminista" que vive o país e "sempre pulando por unha nova normalidade xusta e sostíbel".

O partido considera que "neste momento non hai unha alternativa clara ao Partido Popular" e pretende "levar a transversalidade da sociedade e o debate das ideas ao debate electoral". 

comentarios