En Marea debaterá este sábado as súas teses municipalistas e a relación co grupo do Congreso

O plenario deste 17M permitirá visualizar o grao de cohesión da confluencia -moi deteriorado após se producir a quebra entre o grupo de Villares e as direccións de Anova, EU e Podemos- e de compromiso dos seus distintos componentes coa marcha e cos debates da organización.

Este sábado a Faculdade de Económicas da USC acollerá un novo plenario de En Marea, baixo o lema de "Coa forza das mareas". A orde do día non prevé a remuda dos órgaos de dirección, mais si hai en xogo debates de certa envergadura. A incógnita está en saber se as direccións de Anova, Esquerda Unida e Podemos -distanciadas do sector liderado por Luís Villares- incentivarán a participación da súa militancia na asemblea ou optarán por se faceren a un lado e deixarán a pista libre ao portavoz orgánico e parlamentar da confluencia.

O conclave -que foi apresentado esta quinta feira por Ana Seixas e Gonzalo Rodríguez, vicevoceira e coordenador, respectivamente- dará comezo ás 9 horas, coa inscrición das participantes. Na sesión matutina as e os asembleístas debaterán documentos relativos a infraestruturas e ao devalo demográfico que sofre o país. Está previsto un receso para participar na mobilización en favor dunhas pensións dignas convocada na Praza de Cervantes por volta das 12 horas.

Xa de tarde, será a quenda da dación de contas ao plenario por parte do Consello das Mareas -máximo órgao do partido instrumental entre asembleas- e dos grupos parlamentares, ben como do debate arredor das teses municipalistas aprobadas no encontro da confluencia do pasado mes de febreiro. A orde do día inclúe aínda unha reflexión sobre a relación de En Marea co grupo parlamentar de Madrid, especialmente carregada de interese após Anova ter enviado unha carta á dirección do grupo confederal de Unidos Podemos para denunciar a súa exclusión nas conversas tidas con Ciudadanos con vistas a unha hipotética reforma da lei eleitoral.

"Se por algo se caracteriza En Marea", afirma Luís Villares nun vídeo pendurado en Youtube, "é pola dinámica de participación continua. Os mecanismos de participación son constantes. De feito, as teses do plenario -particularmente as de municipalismo- están construídas sobre o traballo previo de todas as persoas inscritas que quixeron xuntarse hai apenas un mes, o 18 de febreiro". 

O plenario será retransmitido en streaming.

Comentarios