Consello das Mareas

En Marea cualifica de “decepcionantes” os seus resultados electorais

En Marea acordou abrir un proceso de reflexión logo duns resultados nas urnas que avaliou como “decepcionantes”. Escollerán unha nova dirección, tan só medio ano após tela renovado no proceso de primarias que simbolizou a ruptura do espazo político, e propuxo ademais a Mariló Canedo como senadora.  

Ana Seixas, vicevoceira, e Luís Villares, voceiro de En Marea.
photo_camera Ana Seixas, vicevoceira, e Luís Villares, voceiro de En Marea.

O Consello das Mareas acordou abrir un período de reflexión interna que culminará coa escolla dunha nova dirección, após uns resultados electorais que cualificou como “decepcionantes”. Así mesmo, elixiu a Mariló Candedo Gunturiz como a senadora por designación autonómica que proporá a formación liderada por Luís Villares no vindeiro pleno do Parlamento Galego.

A dirección da organización avaliou os resultados electorais dos comicios xerais do 28 de abril e dos europeos e municipais do 26 de maio, en que En Marea non acadou representación no Congreso, ficando no 1,08% dos votos na Galiza, nin no Parlamento Europeo, onde ficou como oitava forza galega con só o 1,06% dos votos, o que implicou a perda do escano que a súa candidata, Lídia Senra, tiña na eurocámara.

O proceso culminará cun plenario en xullo co obxectivo de definir a liña política e organizativa de En Marea

Eses resultados que as urnas depararon a En Marea foron cualificados como “decepcionantes” polo seu órgano de dirección, que ao mesmo tempo tomou o compromiso de “asumir as súas responsabilidades políticas”, o que implica a apertura dun “proceso de reflexión colectivo a desenvolver por comarcas durante o mes de xuño” e  que culminará cun plenario en xullo co obxectivo de definir a liña política e organizativa de En Marea.

O proceso rematará coa escolla por parte das persoas inscritas dunha nova dirección, do Consello das Mareas e da coordinadora, da que Luís Villares está actualmente a fronte. Esta elección será antes do mes de agosto, segundo indicaron desde En Marea.

Este procedemento chega medio ano após as primarias realizadas nesta organización que deron como gañadora a candidatura de Luís Villares fronte David Bruzos, quen contaba co respaldo de Anova, Podemos, Esquerda Unida e os alcaldes das mareas de Santiago, A Coruña e Ferrol.

Mais finalmente, estas forzas abandonaron En Marea (non así o grupo parlamentario) e chegaron a competir nas urnas nos últimos comicios.

Propoñen a Mariló Candedo para o Senado

O consello das Mareas propuxo a Mariló Candedo Gunturiz como a senadora por designación autonómica para propor desde o grupo parlamentario de En Marea no vindeiro pleno do Parlamento Galego.

Candedo foi elixida por se tratar da persoa que concorreu ás primarias de En Marea para as anteriores eleccións xerais e que obtivo un maior respaldo por parte dos e das inscritas.

É profesora titular de Pedagoxía Social na Universidade da Coruña

É profesora titular de Pedagoxía Social na Universidade da Coruña, e foi decana da Faculdade de Ciencias da Educación da UDC entre 1999 e 2004 e actualmente é adxunta de Titulacións na universidade coruñesa.

Está vinculada co activismo educativo a prol da educación pública desde os movementos de renovación pedagóxica.

Está vinculada co activismo educativo

É posíbel que a proposta de Candedo atope oposición no resto de membros do grupo parlamentario de En Marea, após o confronto interno entre e a celebración de até tres procesos electorais (xerais, municipais e europeas) en que a En Marea de Luís Villares competiu nas urnas coas candidaturas apoiadas e ou conformadas por Esquerda Unida, Anova e Podemos.

Comentarios