“Están ancorados nun esquema de recortes”

En Marea considera que os orzamentos do Estado “castigan Galiza”

O grupo de En Marea no Congreso dos Deputados considera que os Orzamentos Xerais do Estado “castigan Galiza” e, ademais, “están ancorados nun esquema de recortes”. Así o expuxo esta segunda feira nunha comparecencia de prensa en Compostela en que os cinco parlamentarios e parlamentarias presentaron “as 350 emendas” ás contas.
 

en marea congreso
photo_camera O grupo de En Marea no Congreso presenta as emendas aos Orzamentos do Estado en Compostela. Foto: En Marea.

Cinco mil millóns de euros máis para os orzamentos estruturan a proposta de En Marea. O seu portavoz, Miguel Anxo Fernán Vello, cualificounos de “contas do estancamento” que manteñen “unha dotación conxelada para Galiza”. A partida medra apenas un 1,3%. A deputada Yolanda Díaz engadiu que “dificilmente se xustifican estes orzamentos cando a economía española medra a ritmo sostido”.

O Goberno de Mariano Raxoi pactounos con Ciudadanos e o PNV. Díaz entrou en materia de pensións e propuxo a eliminación do “máximo de cotización que o Executivo mantén nos Orzamentos Xerais”. O cálculo de En Marea indica que así se ingresarían 7.000 millóns de euros na Seguridade Social.

Outras emendas do grupo parlamentario refírense ás supresión de axudas e reducións ás contratacións “porque non teñen ningún efecto positivo máis que o facer agasallos ás patronais”. En Marea quere incoporar esas partidas, uns 4.000 millóns de euros, ás pensións.

As emendas do grupo de esquerdas inclúen engadir 1.500 euros para a transición enerxética ás renovábeis, 15 deles para Galiza. “A descentralización da distribución de enerxía serviría para paralizar o proxecto mineiro de Touro”, sinalou Yolanda Díaz.

En Marea tamén criticou que o 50% da partida destinada ao país sexa para as obras do tren de alta velocidade a Ourense. “Non se corresponde coas necesidades reais da cidadanía”, afirmou a parlamentaria Alexandra Fernández, quen demandou o “desenvolvemento do eixe atlántico e cantábrico”.

A ausencia de fondos para o cumprimento do Pacto contra a Violencia de Xénero ou a inexistencia de trens de proximidade na Coruña ou en Vigo son outros dos puntos sobre os que o grupo de En Marea pon o foco.

Comentarios