En Marea chama a frear o “PP das cavernas” e construír a Galiza “do ben común”

A reaparición política de Mariano Raxoi, nun mitin en Pontevedra, centrou as críticas de Luis Villares.

en marea villares iris malvido moreiras

En Marea é a antítese do proxecto político “reaccionario e antisocial” do PP e ao tempo é a alternativa que permita “recuperar dereitos” para a cidadanía. Así o manifestou Luis Villares no acto de En Marea en Tui, un mitin no que o PP foi o albo das críticas do portavoz nacional de En Marea. A reaparición política de Mariano Raxoi, nun mitin do PP en Pontevedra, serviu a Villares para lembrar como as políticas adoptadas polo goberno do Partido Popular traducíronse en “recortes”, “dor” e “sufrimento”.

"Coa reaparición de Raxoi volve o Partido Popular máis corrupto e desvergonzado. Volve o Partido Popular ao que botamos cunha moción de censura por corrupto polo caso Gürtel. Volve o Partido Popular responsable dos recortes en sanidade que mataron tanta xente. Que roubaron as pensións dos nosos maiores”, acusou.


Nesa mesma idea incidiu a cabeza de lista de En Marea por Pontevedra ao Congreso. Iris Malvido que fixo fincapé no desleixo e desinterese do Partido Popular por Galiza. "Só hai que ver cal foi o traballo dos seus deputados nos últimos anos. Uns deputados que unha e outra vez teñen votado en contra dos intereses das galegas e galegos". 


Manuel González Moreira, médico e que fai parte da candidatura de En Marea por Pontevedra, puxo o foco na sanidade e na necesidade de poñer couto ás privatización. "Temos que estar no Congreso e no Senado para garantir o dereito a unha sanidade pública universal, gratuíta e de calidade. Temos que desprivatizar os nosos dereitos. Os dereitos da cidadanía non poden ser o negocio duns poucos”. 

Comentarios