Eleccións á Xunta

En Marea chama a unha "concentración parcelaria" da esquerda

O líder de En Marea, Luís Villares, expresou esta quinta feira o seu "desexo político" de "acumular forzas en clave progresista para a defensa da Galiza" a través dunha fórmula que definiu como "concentración parcelaria das forzas de esquerda".

 

Luís Villares, Ana Seijas e Davide Rodríguez no Parlamento.
photo_camera Luís Villares, Ana Seijas e Davide Rodríguez no Parlamento.

"Se hai posibilidade de encontro será se a xente deixa a un lado o seu patriotismo de siglas en favor do ben da xente", sinalou Villares, que insistiu en que esa "concentración parcelaria" tería que estar configurada dun novo xeito para non repetir experiencias previas. Así, o voceiro de En Marea referiuse a "encontros puntuais sen que signifique unha fusión orgánica". Neste senso, considerou que o electorado galego agradecerá que se "simplifiquen" as opcións electorais "sempre mantendo as diferencias".

Villares chegou a falar de organizar "mesmo unha federación pero mantendo cada un a súa actividade orgánica" para artellar "unha alternativa non soamente por negar ao Partido Popular, senón por construír algo positivo". Deste xeito, pediu "humildade" a todas as forzas políticas galegas e "particularmente á oposición".

"O PP sabe que a súa maioría absoluta está moi cuestionada", sostivo Villares antes de matizar que non se poden ler as futuras eleccións á Xunta cos resultados das xerais. Nesta liña, advertiu ao candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, de que "se equivoca de lado a lado se pensa que o ten todo gañado".

En Marea realizou un balance da súa actividade desde que se "emancipou" e pasou a conformar o grupo mixto no Parlamento da Galiza no mes de xullo. O seu voceiro asegurou que teñen "aprendida" a "experiencia coa esquerda estatal" e confirmou que "o que fallou en En Marea foi que os "aparatos dos partidos" non lle deixaron o "espazo" necesario e "se revolveron".

Tamén criticou as posicións dos partidos interpelados para conformar unha alianza nas pasadas eleccións estatais. "Algúns chamábannos españolistas por falar con Errejón", dixo en referencia ao BNG, "e outros  nacionalistas por falar co Bloque", engadiu sinalando a Más País.

Villares insistiu en que a súa formación ten "as portas abertas" e "as liñas telefónicas despexadas" de cara ás eleccións de 2020. Por un lado, alertou a Anova sobre o que supón pactar con forzas estatais e, por outro, reprochoulle ao BNG o seu apoio no Congreso a un “grupo de usos múltiples con Errejón como vicevoceiro”.

Comentarios