Día da Patria Galega

En Marea centra na defensa do medio ambiente o 25 de Xullo

O partido encabezado por Luís Villares puxo o acento no acto do 25 de Xullo na defensa do medio ambiente e anunciou que levará ao Parlamento a declaración de Galiza como “país en risco de emerxencia climática”.

Acto de En Marea polo Día da Patria Galega
photo_camera Acto de En Marea polo Día da Patria Galega

Unha iniciativa parlamentar na que se declare Galiza “país en risco de emerxencia climática” foi a aposta de En Marea este 25 de Xullo, en que Luís Villares, portavoz do partido, puxo de manifesto que “unha reivindicación nacional de Galicia non pode facerse sen defender o futuro da sociedade, que é tamén o futuro do país e dos seus elementos naturais”.

A temática ambiental centrou o discurso do dirixente da Marea, en que se botou en falta un maior contido nacional. Villares, acompañado de Ana Seixas, antes do comezo do acto político -convocado no parque compostelán de Vistalegre- expresou: “Queremos poñer na axenda política a cuestión ambiental en toda a súa extensión e queremos tamén mellorar a economía en clave de sustentabilidade”.

VillaresO portavoz de En Marea, que anunciou que o partido apoia a folga internacional convocada para o 27 de setembro en contra do cambio climático”, aproveitou para denunciar “os dez anos de estragos ambientais do Goberno de Feixoo. Referiuse así á contaminación de rías e ríos e á falta de planificación forestal e urbanística.

Villares, ao que arrouparon, entre outros, o deputado Pancho Casal, tamén se aludiu ao debate da sesión de investidura no Congreso e chamou á responsabilidade de Podemos e PSOE para que “acorden sacar adiante un Goberno progresista que amplíe dereitos para a cidadanía”. A continuación, advertiu que cuestións como a derrogación da Lei Mordanza e a ampliación de dereitos fundamentais e sociais están "no aire e depende de que se entendan. A sociedade civil está reclamando que se deixen de personalismos e cálculos partidarios”, afirmou. O portavoz de En Marea engadiu que a alternativa a Feixoo, en 2020, será “progresista, plural e cooperativa. E por nós non vai quedar”.

Ana Seixas, viceportavoz de En Marea, tamén fixo fincapé en que o partido político “quere unha Galiza verde con futuro”. “Vivimos nun país que está degradado, ameazado, e queremos que teña futuro”, sinalou, antes de anunciar que a formación política recollerá as denuncias da sociedade e dos colectivos e asociacións que poñen enriba da mesa as demandas medioambientais.

Ao mediodía realizaron un coloquio con activistas contra a mina de Touro, na defensa da ría de Pontevedra e e tamén mozos e mozas activistas polo cambio climático.

Comentarios