Eleccións 2019

En Marea busca que as marés municipais se presenten en toda Galiza

A través da súa viceportavoz, Ana Seijas, En Marea informou de que tratará de presentarse en todos os concellos de Galiza nas eleccións municipais de 2019, para o cal xa puxo en marcha a maquinaria electoral.

[Imaxe: En Marea Pontevedra] Un acto público de En Marea
photo_camera [Imaxe: En Marea Pontevedra]

“O PP ten un motivo máis para estar preocupado, porque hoxe reforzamos esa idea de que non nos rendemos, de que estamos aquí para buscar alternativas en clave de dereitos sociais, de dereitos das persoas”. Así se pronunciaba na mañá do domingo Luís Villares, portavoz de En Marea, a respeito das xornadas de municipalismo que desenvolveu o partido en Santiago, Pontevedra, Ourense e Lugo.

Villares afirmou que “En Marea ten no eido municipalista o seu referente máis próximo porque é o lugar no que traballamos día a día colaborando coa veciñanza” e aproveitou para agradecerlle ás persoas participantes o seu “esforzo” por sentar “alicerces para que En Marea teña unha relación cada vez máis fluída e colaborativa coas mareas galegas”.

En resposta ás preguntas dos medios, o portavoz de En Marea salientou que o partido se ofreceu a levar a cabo tarefas de "mediación" para evitar que nas eleccións locais concorran nun mesmo concello varias candidaturas de unidade popular. "Se somos os que predicamos a unidade popular, esta ten que empezar pola propia casa", afirmou.

Máis de 200 persoas

A viceportavoz de En Marea, Ana Seijas, que afirmou que ás xornadas asistiron “máis de 60 mareas e máis de 200 persoas inscritas”, sinalou que o partido traballa por que “a forza das mareas chegue a todos os recunchos do país”. Para Seijas o obxectivo é “abranguer” todo o país.
 

Tras a xornada, a comisión designada para o plenario de marzo elaborará un documento baseado en todas as aportacións recollidas na xornada.

Comentarios