28-M

Marea promete un novo mapa de rutas de bus "máis eficiente, intuitivo e fiábel" para A Coruña

Xan Xove asegura que creará unha empresa municipal de transportes "100% pública e intermodal".
O candidato da Marea Atlántica, Xan Xove, esta sexta feira polas rúas da Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O candidato da Marea Atlántica, Xan Xove, esta sexta feira polas rúas da Coruña. (Foto: Nós Diario)

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, ratificou esta sexta feira o seu "compromiso" a impulsar, no primeiro ano do próximo mandato se a súa formación alcanza o poder, un novo mapa de liñas de autobús urbano "que se adapte ao que precisa a cidade de hoxe". Estas necesidades pasarían por artellar un mapa "máis eficiente, intuitivo e fiábel" que permita "reducir as frecuencias e facilitar o uso do transporte público como alternativa ao coche privado".

Tras "case 40 anos" sen mudanzas "significativas" do servizo, afirmou, "é viábel facelo porque xa temos traballo adiantado. Retomaremos o proceso participativo que comezou co goberno de Xulio Ferreiro, da man de Daniel Díaz Grandío, e que Inés Rei gardou nun caixón. Aí xa temos recollidas moitas das necesidades da veciñanza, será cuestión de actualizalo e pode estar listo antes de que remate a concesión á Compañía de Tranvías, en 2024, para poder implantar o novo mapa xa cunha empresa pública de transporte".

Xove participou ás 19 horas nun acto centrado nos retos da mobilidade na Coruña desde o parque de Novo Mesoiro, "un dos barrios máis necesitados de mellores conexións de bus". "Ao igual que Someso, O Birloque, O Martinete… barrios que se integraron na cidade nas últimas décadas e que non están contemplados no mapa de rutas que se deseñou a comezos dos anos 80, cando se asinou a concesión vixente", precisou.

E a mesma situación que se dá nestes barrios, lamentou, repítese no caso dos hospitais ou os polígonos industriais, "que están inexplicabelmente mal conectados coa rede de transporte público".

Na mesma liña, Xan Xove comprometeuse a crear unha empresa municipal de transportes, "100% pública e intermodal", que se encargaría de xestionar o bus, "pero tamén BiciCoruña e os aparcadoiros a medida que rematen a súa concesión, integrando todos estes servizos cunha perspectiva intermodal e unha política de tarifas integrada".

E, no que atinxe ao servizo de bicicletas BiciCoruña, o candidato da Marea avanzou que o levará aos barrios que aínda non teñen unha estación próxima, así como a centros de traballo, parques empresariais, o campus universitario ou os hospitais.

Farao "ampliando o tempo de uso, sobre todo o das bicis eléctricas, e con máis persoal para atender as estacións e evitar que queden baleiras nas horas puntas, un problema que afecta en especial aos barrios máis poboados da Rolda de Outeiro", dixo.

Comentarios