Marea Atlántica presenta a súa candidatura ás municipais como "proxecto útil" para A Coruña

Ante un posíbel apoio ou confluencia con Sumar, o candidato, Xan Xove, sinala que as portas están abertas a todos, mais aclara que están centrados no proxecto.

marea atlantica candidatura
photo_camera A candidatura da Marea Atántica (Foto: MA)

Marea Atlántica presentou este sábado a súa candidatura ás eleccións municipais de 2023 para A Coruña, cunha lista liderada por Xan Xove e que, argumentan, é a formación "única e insubstituíbel" para facer "unha cidade mellor".

Nun acto celebrado na Fundación Luís Seoane, presentado polo e xalcalde de Marea, Xulio Ferreiro, o novo equipo estivo acompañado por, entre outros, os concelleiros Marta Lois e Xan Duro de Compostela Aberta; o portavoz nacional de Anova, Martiño Noriega, e o seu predecesor no cargo, Antón Sánchez; Emilio Padrón, de Equo, e representantes de Sadamaioría e outras entidades sociais, veciñais e culturais da cidade herculina.

Xove aseguraba, en declaracións a Europa Press, que afrontaban esta nova etapa con "toda a ilusión e responsabilidade", mais tamén coa "seguridade" de estar "arroupados" polas mellores persoas, entre elas Xulio Ferreiro, a quen cualificou como "o mellor alcalde que tivo A Coruña".

Matizou ademais que os integrantes do grupo municipal "non se van, senón que dan un paso á marxe para seguir colaborando dentro de Marea". "O que significa isto é a continuidade do proxecto, de Marea Atlántica. Un proxecto que foi útil tanto no Goberno como facendo oposición, unha oposición construtiva, pero ao mesmo tempo crítica e propositiva", comentou.

Preguntado por un apoio ou posíbel confluencia co proxecto, en caso de materializarse, de Yolanda Díaz, Sumar, Xove incidiu en que están "centrados" na Coruña e nas municipais, "en volver gañalas".  "É o que nos ocupa (...). Sempre sumamos coa cidade, coa xente. As portas de Marea sempre están abertas. Xa sumamos en 2015 e seguimos sumando con todos os coruñeses que queiran participar no proxecto", defendeu.

"Sen Marea non teriamos a opción de pasear polo porto, non existiría a Renda Social Municipal, aínda habería corridas de touros e continuaría o viaduto da Rolda de Nelle. Todo iso que dicían que era imposíbel, aí o tedes", sinalou.

Ademais de reivindicar a "A Coruña da periferia" e afear á actual alcaldesa, Inés Rei, que se esqueceu desa parte da cidade, Xove tivo palabras de recordo para a marea branca "que berrou 'Nunca máis'" hai agora 20 anos, "coa marea negra do Prestige". "Partidos hai moitos pero Marea só hai unha", aseverou Xove antes de concluír o acto entre berros de 'Alcalde' por parte dos asistentes.

Comentarios