DEPUTACIóN DA CORUñA

A Marea Atlántica opta por non expresar preferencia entre o BNG e o PSOE

Nin BNG nin PSOE. Finalmente, a Marea Atlántica non expresa preferencia ningunha entre o BNG e o PSOE para presidir a Deputación da Coruña.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, sinalou en declaracións a Europa Press que a asemblea da Marea Atlántica acordou que “non entrará en guerras” e que apoiará o candidato ou candidata que decidan PSOE e BNG, en caso de chegaren a un acordo, para presidiren a Deputación da Coruña. Ferreiro apelou á “responsabilidade” para que ambas as formacións cheguen a un consenso e afirmou que no caso de que PSOE e BNG non acaden ese acordo os representantes da Marea absteríanse na constitución do ente provincial.

A decisión da Marea Atlántica está condicionada pola situación que afronta no Concello da Coruña, onde precisa dos votos do PSOE para sacar adiante as súas propostas. Precisamente esta mañá o PSOE, xunto co PP, rexeitaba a proposta de dedicacións e retribucións dos membros da Corporación municipal no pleno de organización do Concello da Coruña. Fronte ao voto en contra do PSOE e do PP, o Goberno da Marea Atlántica contou co voto a favor da concelleira do BNG, Avia Veira. O propio Ferreiro sinalaba na sesión plenaria que a falta de apoio do PSOE podería derivar en consecuencias na asemblea celebrada pola Marea para decidir o seu voto na Deputación da Coruña.

A configuración da Deputación da Coruña é a seguinte: o PP conta con 13 representantes, o PSOE con 8, o BNG con 5, a Marea Atlántica con 3 e Compostela Aberta e Alternativa polos Veciños con un cada un.

BNG e PSOE non renuncian a presidir a Deputación

O secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, puña de manifesto esta mañá nunha rolda de prensa que “a correlación de forzas” da pé a unha Presidencia do Bloque na Deputación da Coruña e afirmou, en alusión á Marea Atlántica, a Compostela Aberta e a Alternativa dos Veciños, que “a pelota está no tellado das outras formacións”.

Ademais, no día de hoxe, a Executiva do PSOE da Coruña ratificaba nun comunicado enviado aos medios de comunicación que o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, será o candidato a presidir a Deputación da Coruña. O PSOE tamén sinalaba que considera “irrenunciábel” a Presidencia da institución. Aínda así, salientou a “boa sintonía” co BNG, que deu como froito un acordo marco entre ambas as formacións.

Polo de agora, Alternativa dos Veciños anunciou, en conversa con Sermos Galiza, que concorda ao 90% coa proposta política do BNG para as deputacións e avanzou o seu voto favorábel á organización nacionalista. Compostela Aberta decidirá o seu voto nunha asemblea que terá lugar este luns. As conversas para lograr un goberno alternativo ao PP na Deputación continuarán a vindeira semana, xa que non será até o xoves 16 de xullo cando teña lugar o Pleno de investidura.

Comentarios