A Marea Atlántica inicia unha nova fase após recoller 2.500 sinaturas de apoio

A iniciativa social convocará un acto aberto en outubro e comezará a preparar a súa listaxe e programa electorais.

Marea
photo_camera Imaxe dunha das asembleas convocadas pola Marea Atlántica

A Marea Atlántica conta xa co aval cidadán que precisaba para se lanzar ás eleccións municipais. Esta sexta feira o proxecto político que visa construír unha candidatura veciñal ás eleccións municipais de 2015, alcanzaba as 2.500 sinaturas. 

Este fora o obxectivo inicial que se marcaba o grupo promotor da iniciativa que a partir de agora encetará unha nova fase. Será a partir do vindeiro 1 de outubro cando inicie unha "análise pública das sinaturas" e convoque un acto aberto como pistolada de saída, din, para "crear un espazo de confluencia liderado pola cidadanía" co que "recuperar María Pita para o 99%". 

Desde a iniciativa valoran "de xeito moi positivo" o decorrer dos acontecementos após desenvolveren 7 asembleas sectoriais ou barriais e de obteren o número de apoios cidadáns ao manifesto que se fixaran inicialmente. Neste senso, lembran que até o 1 de outubro fica aberto o prazo para se sumar a este proxecto en forma de adhesión individual online ou nos puntos habilitados pola cidade herculina. 

Con este primeiro obxectivo cumprido a Marea Atlántica colle folgos para iniciar o proceso de construción da listaxe electoral coa que concorrerán aos comicios de maio e para a elaboración do seu programa electoral. 

Comentarios