A Marea Atlántica dá os primeiros pasos para escoller unha candidatura para as municipais de 2023

O proceso rematará o 4 de xuño, e nel poderán participar, con voz e voto, todas as persoas que asinaron o manifesto da Marea antes do 26 de abril, unhas 800. Despois comezará o proceso de primarias.
Rodrigo Gil e María García, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera Rodrigo Gil e María García, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

A portavoz municipal da Marea Atlántica, María García, e o portavoz da Coordinadora da organización, Rodrigo Gil, veñen de explicar en rolda de prensa que a formación pon en marcha a Marea Viva, o máximo órgano de toma de decisións da plataforma municipalista.

A intención é actualizar os obxectivos políticos da formación, elaborar un programa e elixir unha candidatura para as eleccións municipais de 2023, despois de que os cinco edís actuais da Marea anunciasen a súa renuncia.

O proceso rematará o 4 de xuño, e nel poderán participar, con voz e voto, todas as persoas que asinaron o manifesto da Marea antes do 26 de abril, unhas 800. Despois comezará o proceso de primarias.

Segundo apuntaron, no marco deste proceso renovaranse as normas para escoller unha candidatura e deseñar un programa de maneira participativa. Para ser parte nos  debates e votacións, os asinantes do manifesto terán que inscribirse na páxina web da Marea antes do 26 de maio.

"Sumar todas as sensibilidades"

María García remarcou que o obxectivo é "sumar todas as sensibilidades" e subliñou que a Marea Viva supón "definir onde está a Marea Atlántica e cara a onde se dirixe".

"É o primeiro paso cara á próxima convocatoria electoral, o seguinte será a convocatoria de primarias para ter unha candidatura lista no outono", detallou a portavoz municipal.

Pola súa parte, Rodrigo Gil explicou que os documentos nos que se centrará principalmente a renovación son o político, que fixa os obxectivos para o próximo ciclo ou a estrutura da organización; o código ético e a forma de goberno, aínda que a proposta da Coordinadora é mantelos sen cambios substanciais.

Aposta por manter a limitación salarial, un máximo de 40.000 euros anuais, doando o resto para financiar iniciativas como a Oficina dos Dereitos ou a Xanela de Proxectos, e tamén o máximo de dous mandatos para os cargos públicos.

Comentarios