En Marea aposta polo diálogo co rural fronte as políticas de “pirómano” de Feijóo

Luís Villares pide reorientar os sectores produtivos do país para avanzar cara unha “economía das persoas” que escoite as necesidades das labregas e gandeiras.

Mitin de Luís Villares na Estrada (Foto: En Marea)
photo_camera Mitin de Luís Villares na Estrada (Foto: En Marea)

En Marea enfocou o segundo día de campaña a presentar as súas propostas para os sectores produtivos e o seu proxecto político para o rural. O candidato da confluencia á Xunta, Luís Villares, pediu rachar coas políticas do PP que, segundo dixo, empobreceron Galiza malia non ser un país pobre. “Feijóo é un pirómano que queima as potencias deste país, outra política rural é posíbel para que as gandeiras e os gandeiros vivan dignamente”, afirmou durante un mitin na Estrada.

Villares apostou por abrir un diálogo cos produtores galegos para conseguir a “economía agraria que nós queremos, a das persoas” centrada en “acompañar o dinamismo das nosas labregas e das nosas gandeiras, a de que decidan as nosas labregas, as nosas gandeiras”. Nese sentido, comprometeuse a axudar na “especialización e diversificación da produción agraria” con medidas como reorientar os fondos europeos ou un plan de desenvolvemento da industria láctea que apoie  proxectos que elaboren derivados de maior valor engadido.

"Un país xusto é un país onde os gandeiros cobran un prezo xusto polo leite. 

"Un país xusto é un país onde os gandeiros cobran un prezo xusto polo leite. Un país xusto é aquel que valora a produción de alimentos de proximidade. Un país xusto é aquel que favorece a agrupación das traballadoras e os traballadores en cooperativas”, salientou o candidato de En Marea.

Horas antes, durante un acto en Vilagarcía, dirixiuse tamén aos mariñeiros da comarca, agradecendo que “o chapapote que era a Lei de Acuicultura” e sinalando que potenciará a protección dos produtos galegos do mar fronte os foráneos. De igual forma, defendeu a necesidade dun saneamento integral das rías do país para que o mar sexa “produtivo pero tamén para que Feijóo poida seguir paseando nos iates dos seus amigos cando deixe de ser presidente da Xunta“.

Comentarios