Coñecida polas súas declaracións galegófobas

En Marea apoia Marta Rivera de la Cruz como presidenta da Comisión de Cultura do Congreso

Coñecida polas súas declaracións marcadamente contrarias á normalización do galego e á toponimia oficial do país, Marta Rivera de la Cruz (Cs) é a nova presidenta da Comisión de Cultura do Congreso. Chega ao cargo co acordo de todos os grupos presentes na Cámara, incluído En Marea.

Captura de ecrã 2016-09-15, às 12.48.08
photo_camera Fernán Vello felicita Rivera de la Cruz após o nomeamento

Aconteceu esta cuarta feira no Congreso. Submetíase a consideración da Comisión de Cultura unha proposta de lista entre os distintos grupos e coa escritora Marta Rivera de la Cruz (Lugo, 1970) como candidata á presidencia deste órgao do Parlamento estatal. Desde a Mesa da Comisión especificouse que se trataba dunha “proposta de candidatura conxunta que se submetería ao asentimento da Comisión” e que só se houbese algunha obxeción "por parte dalgún deputado ou deputada pasaríamos a votar con papeleta, como saben que marca o regulamento”.

Era o momento preciso para que algún parlamentar levantase a man e expresase a súa obxeción. Na sala atopábase Miguel Anxo Fernán Vello, portavoz de En Marea na comisión de Cultura. Ficou calado. Facía parte da lista que encabezaba Marta Rivera de la Cruz como secretario primeiro da Mesa.

Ao non formular ninguén ningunha obxeción, a candidatura foi aprobada por asentimento e a autora de frases como “que no me toquen mucho las narices que empiezo a decir Rianjo” ou “me gusta La Coruña” converteuse automaticamente en presidenta da Comisión.

Marta Rivera de la Cruz ten respaldado pronunciamentos de Galicia Bilingüe e foi particularmente belixerante contra a política de normalización lingüística do goberno de coligazón PSdeG-BNG (2005-2009). Súa é a frase de que "o bipartito intentou eliminar o castelán da vida pública".

Fernán Vello alega que o consenso na formación da Mesa da Comisión de Cultura do Congreso fai parte dun "acordo global de reparto e de presenza nas Comisións"

No seu FB, Fernán Vello alega que o consenso na formación da Mesa da Comisión de Cultura do Congreso fai parte dun "acordo global de reparto e de presenza nas Comisións, e aí todos os partidos procuran, procuramos, ter a máxima representación para ter, madia leva, a máxima capacidade de intervención e incidencia no noso traballo".

Fernán Vello aduce tamén que na Mesa estará representada ERC, que tamén participou no consenso que levou Marta Rivera de la Cruz á presidencia.

Comentarios