En Marea afirma que fixo “unha candidatura envexábel”

Rubén Pérez e Rafa do Pico avalían positivamente o proceso de validación das listas, embora recoñecer que “non se fixo todo o ben que se podía ter feito”. Afirmaron que a plataforma ten vocación de continuidade.

En Marea
photo_camera Rubén Pérez e Rafa Dopico

“Fixemos unha candidatura envexábel”, manifestou Rubén Pérez, secretario de Organización de Esquerda Unida, sobre a lista de 'En Marea' validada no proceso que decorreu esta fin de semana. Pérez compareceu esta segunda feira con Rafael Dopico, responsábel de Organización de Anova, para presentar os dados e valorar o proceso. Nas primarias de validación das candidaturas de 'En Marea' votaron 1.464 das 3.479 persoas rexistradas (un 42% de participación). A favor das propostas de candidaturas votaron o 78,7%, por un 13,8% que votou en contra e un 7,38% en branco.

“Valoramos positivamente” o resultado, afirmou Dopico, que en declaracións recollidas por EP atribuíu o baixo nivel de participación ao feito de que só houber unha candidatura para votar. Para Pérez, o proceso amosa que “Galiza é unha illa” en canto a confluencias no Estado e apostou en que o proceso teña “continuidade” e “consolidación” de cara ás eleccións galegas.

Dopico recoñeceu que o proceso de confluencia “non se fixo o ben que se podía ter feito”, se ben achacou isto á “falla de tempo”.

Ferreiro e Noriega falan de “vaga de ilusión”

Os alcaldes da Coruña e Compostela, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, coincidiron en eloxiar as “magníficas” candidaturas da coligazón 'En Marea' para o 20-D, destacando a “pluralidade” das listas e nas previsións de obter bos resultados. Ferreiro destacou que as candidaturas abranguen desde “xente dos partidos da coligazón” (Anova, Podemos e IU) a “de movementos cidadáns”. O alcalde coruñés recoñeceu que “as cousas podían terse feito mellor”, en relación ao procedemento de conformación das candidaturas. Martiño Noriega apontou que 'En Marea' “pode representar dignamente o país” e “xerar unha vaga de ilusión” entre a cidadanía galega.

Yolanda Díaz e AGE

O vice-portavoz segundo de AGE no Parlamento, Antón Sánchez, manifestou a preguntas dos xornalistas o seu “respecto” pola decisión de Yolanda Díaz, vice-portavoz de Alternativa, de concorrer ao 20-D como segunda da candidatura de 'En Marea' pola Coruña.

De saír Díaz eleita o 20 de decembro, a persoa que lle corresponde entrar por lista no Parlamento é de Cerna (escisión de Anova), unha cuestión sobre a que os xornalistas tamén lle preguntaron a Antón Sánchez. “En caso de se dar ese caso”, sinalou, AGE estará “aberto a que a persoa entre en AGE”, afirmando que “a recibiremos cos brazos abertos”.

De se producir o escenario no que a persoa que entre de Cerna opte por ir ao grupo mixto, este contaría con 3 deputadas (2 delas de Cerna) e AGE minguaría a 6 fronte aos 9 cos que comezou a lexislatura.

Comentarios