Consello das Mareas

En Marea acusa Gómez-Reino de practicar o transfuguismo

O grupo parlamentario de En Marea ten previsto unha xuntanza esta terza feira para formalizar a candidatura de Xosé Manuel Sande como senador por designación autonómica. Esta proposta non conta co apoio das e dos deputados afíns a Luís Villares, xa que é contraria á proposta realizada pola dirección de En Marea.

Consello das mareas 29 de decembro 2018
photo_camera Consello das mareas [Imaxe do 29 de decembro de 2018]

 A dirección de En Marea considera que unha parte do seu grupo parlamentario está a incumprir a declaración que asinaron en 2016 pola que cada deputada e deputado comprometíase a actuar “sempre en nome de En Marea e en ningún caso representando intereses diferentes”. Esta advertencia vai en relación á reunión programada para esta terza feira 18 de xuño do grupo parlamentario onde previsibelmente a maioría de deputadas e deputados elixan Xosé Manuel Sande (ex concelleiro de Culturas na Coruña pola Marea Atlántica) como senador por designación autonómica e formalicen a súa decisión, fronte á proposta de Mariló Candedo que fixera a dirección de En Marea e que só votou unha soa persoa no grupo parlamentario, negándose as demais membros afíns a Villares a participar e recoñecer a votación.

A división do grupo parlamentario de En Marea é un feito desde hai meses aínda que a nivel formal se manteña unido no Parlamento. Esta división quedou patente nos pasados comicios xerais do 28 de abril e nos europeos e municipais do 26 de maio en que a En Marea de Luís Villares confrontou nas urnas con En Común–Unidas Podemos (alianza de Esquerda Unida, Podemos e Anova). Estes últimos continúan dentro de En Marea como grupo parlamentario, mais non dentro de En Marea como organización política.

O Consello das Mareas e a coordinadora de En Marea, é dicir, a dirección da organización política, consideran que unha parte das deputadas e deputados do grupo parlamentario (en relación aos membros de Anova, Podemos e Esquerda Unida) está “incumprindo gravemente” os acordos que cada unha delas asinou en setembro de 2016 no que se comprometían a “actuar sempre no nome de En Marea e en ningún caso representando intereses diferentes”.

Estes acordos continúan en plena vixencia, consideran desde a dirección de En Marea, polo que valoran as últimas declaracións do secretario xeral de Podemos na Galiza, o deputado no Congreso Antón Gómez-Reino, “como unha práctica tránsfuga ao actuar dentro de En Marea ao servizo de intereses alleos”. Segundo sinala En Marea, Gómez-Reino declarou que as deputadas e deputados de En Marea inscritos en Podemos apoiarán unha proposta distinta a acordada por En Marea á hora de escoller á persoa senadora por esta agrupación. Reino tamén explicou que as e os deputados de Podemos traballarán a partir de agora nun proxecto político diferente “que non é aquel polo que foron escollidos e polo que recibiron os votos”, denuncian desde En Marea, e sinalan que “na práctica, supón unha nova modalidade de transfuguismo ao traballar desde o proxecto político que tentaron dinamitar a favor de outro”.

“Na práctica, supón unha nova modalidade de transfuguismo ao traballar desde o proxecto político que tentaron dinamitar a favor de outro”, acusan desde En Marea

Desde En Marea lembran que o compromiso asinado por cada deputada e deputado supuña aceptar os principios básicos e os documentos de forma de goberno e de organización interna da Marea Constituínte, así como asumir e acatar o código ético como conxunto de boas prácticas a desenvolver, nomeadamente actuar sempre no nome de En Marea e en ningún caso representando intereses diferentes, defender publicamente o proxecto político, desenvolvendo os principios básicos e o programa, actuar segundo os principios de igualdade, horizontalidade e transversalidade, respectando o funcionamento colexiado, empregar a lingua galega nas intervencións públicas, na oral e na escrita, tanto a nivel institucional como nos espazos orgánicos; e acatar as resolucións do Comité de Ética e Garantías

Comentarios