venres 18/09/20
Política

En Marea acusa Feixoo de "fuxir das súas responsabilidades" pola situación nas residencias de maiores

O deputado Davide Rodríguez presentou unhas propostas para facer fronte á crise do coronavirus desde o eido sanitario a outros ámbitos como as emerxencias, a educación, a igualdade ou os coidados.
Davide Rodríguez (arquivo).
Davide Rodríguez (arquivo).

En Marea acusa ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de "fuxir das súas responsabilidades" sobre a situación nas residencias de maiores, onde se concentran "o 42%" das mortes con coronavirus.

Nun comunicado, o partido que integra o Grupo Mixto no Parlamento manifesta que rexistrou xunto co resto de grupos da oposición unha petición para que Feixoo compareza na Cámara, e afea ao mandatario galego que "escape ao control" do resto de forzas políticas "mentres consome horas na televisión pública en horario de máxima audiencia".

En Marea presentou esta quinta feira unha serie de propostas para facer fronte á crise do coronavirus, que cren necesario afrontar "a todos os niveis", desde o sanitario (campo no que critican a xestión da Xunta por non dotar de material ao persoal sanitario ou rescindir o contrato de enfermeiras) a outros ámbitos como as emerxencias, a educación, a igualdade ou os coidados.

O deputado Davide Rodríguez incidiu na importancia do sector agrario e gandeiro, xa que, de non existir, "o abastecemento cortaríase", polo que fixo un chamamento ao "consumo nos mercados de proximidade como medio de apoio ás economías locais".

Ademais, instou a Xunta a desenvolver "integramente" lei de emerxencias e potenciar os corpos civís "fronte á militarización das crises sanitarias".

No ámbito educativo, a formación propón a creación dun "plan integral de mellora da calidade de vida de nenas, nenos e adolescentes durante o estado de alarma".

Por último, En Marea solicita á Administración galega que acometa a regulación dos prezos do aluguer e, no referente á Xunta, expón a creación dun consorcio de vivendas sociais en réxime de aluguer.

comentarios