martes 25.02.2020
Parlamento

A marcha de Manuel Lago reduce a nove as actas do Grupo Común da Esquerda

Mariló Candedo, membro da directiva de En Marea, incorporarase ao Grupo Mixto do Parlamento da Galiza.
Manuel Lago no Parlamento da Galiza (Europa Press)
Manuel Lago no Parlamento da Galiza (Europa Press)

Manuel Lago presentou onte un escrito á Presidencia do Parlamento galego no que anunciou a súa renuncia ao escano de deputado polo Grupo Común da Esquerda. A súa saída, para incorporarse o gabinete de Yolanda Díaz no Ministerio de Traballo, abre a posibilidade de que o actual Grupo Mixto (onde están as deputadas de En Marea) se conforme como outro grupo parlamentario.

Lago comunicou a pasada segunda feira a súa marcha ás súas compañeiras da coalición Común da Esquerda a través dun escrito no que daba as grazas ao grupo e ás traballadoras polo traballo realizado nesta lexislatura.

"Remata para min un período intenso e enriquecedor, no que tiven a honra de formar parte da Cámara na que reside a soberanía do pobo galego", afirma Lago no seu comunicado de despedida. "Mudo de lugar, pero non de obxectivo: lograr un cambio político e social no noso país que mellore o benestar da cidadanía. O pesadume que sinto por deixar o Parlamento só se compensa pola ilusión de traballar no primeiro Goberno de coalición de esquerdas na recente historia democrática do Estado", engade.

Nesa despedida insiste en que Galiza "ten que deixar atrás a década perdida para o benestar que se iniciou en 2009" e vaticina que "o que sucedeu agora no Estado, sucederá nos próximos meses" no país. "A formación do Goberno de coalición no Estado demostra que si se pode articular maiorías a través da alianza das forzas da esquerda", asevera.

O aínda deputado non formalizará a súa renuncia ante a Mesa da Cámara galega até a vindeira segunda feira, segundo fontes próximas consultadas por Nós Diario. A partir desde momento o escano estará listo para ser ocupado pola seguinte persoa na lista do partido instrumental En Marea que concorreu ás pasadas eleccións. Esa persoa é Mariló Candedo, membro do Consello das Mareas e profesora titular de Pedagoxía Social na Universidade da Coruña.

Desde En Marea confirmaron a Nós Diario que Candedo collerá a acta de deputada na Cámara galega e traballará a tempo completo para o grupo parlamentario. Candedo foi decana da Facultade de Ciencias da Educación da UDC entre 1999 e 2004, e actualmente é Adxunta para Titulacións nesta mesma universidade. Está vinculada co activismo educativo a prol do ensino público desde os movementos de renovación pedagóxica.

En Marea vaise amparar no artigo 26 do regulamento do Parlamento para solicitar recuperar o seu grupo propio na Cámara. Este punto recolle que, "iniciado un novo período de sesións", "só para o suposto de  que por calquera circunstancia  se extinguise ou rematase a actividade do partido ou coalición electoral polo que concorresen" as deputadas "poderán constituír, por unha soa vez, grupo ou grupos parlamentarios distintos se para iso cumpren as esixencias previstas".

No primeiro Pleno de 2020 no Grupo Común da Esquerda serán nove deputadas pola marcha de Lago, pero no Grupo Mixto seguirán sendo catro porque non dá tempo a que Candedo tome posesión.

Planificado o traballo da Cámara galega até a fin da lexislatura

Na sesión da Xunta de Portavoces de onte no Parlamento quedou repartido o traballo dos grupos até a fin da lexislatura. Un reparto da actividade que se verá alterado coa saída de Manuel Lago, pois con grupo propio ou ficando no Mixto, En Marea gañará unha deputada e corresponderanlle máis iniciativas e preguntas ao presidente da Xunta polo principio de proporcionalidade do regulamento da Cámara.

comentarios