Maratoniana reunión do grupo de En Marea na procura dunha solución de compromiso sobre Quinteiro

As e os deputados da confluencia están reunidos desde as 10 horas. A discusión atinxe non só a se debe demitir Quinteiro ou non, senón ao grao de asunción das decisións do Consello das Mareas por parte do grupo parlamentar.

Grupo parlamentar En Marea. 29 de setembro de 2016

O reunión do grupo parlamentar -marcada por un ambiente tenso- deu comezo por volta das 10 horas e tivo unha tregua, para xantar, arredor das 14.30. Sobre as 16.15 horas as parlamentares da confluencia voltaron a se reunir. A esa hora, as fontes de En Marea consultadas por Sermos consideraban posíbel alcanzar algunha sorte de solución de compromiso.

O episodio Paula Quinteiro está a servir para deitar luz sobre as costuras abertas na confluencia, con maiorías distintas no grupo parlamentar -hexemonizado polo sector crítico- e nos órgaos de dirección -en mans da corrente liderada por Villares. Quen está nunha situación especialmente delicada é o propio Villares, quen é a vez portavoz parlamentar e orgánico.

No grupo parlamentar a ampla maioría -Podemos, EU e a Anova oficial- defenden que a demisión sería un castigo desproporcionado para Quinteiro. Na dirección da confluencia, en troca, arguméntase que os principios éticos deben prevalecer e que o comportamento da deputada de Podemos-Anticapitalistas non é o que cabe agardar da representante dunha forza da esquerda transformadora.

Mais o miolo do debate vai xa alén da cuestión concreta da renuncia ou non de Quinteiro e ten a ver co feito de que algúns componentes do grupo parlamentar -nomeadamente a secretaria xeral de Podemos Galiza, Carmen Santos- non recoñecen a lexitimidade do Consello das Mareas para adoptar decisións que afectan o funcionamento da confluencia no Pazo do Hórreo. Santos afirmou o sábado que no grupo parlamentar si está representada a pluralidade de forzas integradas no partido instrumental, en tanto que no Consello das Mareas -máximo órgao entre plenarios- só estaría presente unha das partes, a nucleada arredor de Luís Villares.

No momento en que se fechou esta información, as fontes de En Marea consultadas por Sermos non puideron precisar se ao final da reunión se produciría a comparecencia de Luís Villares. O líder da confluencia aínda non se pronunciou sobre este asunto desde que estalou a pasada cuarta feira.

Comentarios