Política

Manuel Lago valora marchar ao Ministerio con Yolanda Díaz

A formación do novo Goberno de coalición entre PSOE e Unidas Podemos no Estado pode alterar a configuración de dous grupos parlamentarios da oposición na Galiza
Manuel Lago, portavoz do Grupo Común da Esquerda no Parlamento da Galiza (Europa Press)
photo_camera Manuel Lago, portavoz do Grupo Común da Esquerda no Parlamento da Galiza (Europa Press)
O actual voceiro do Grupo Común da Esquerda no Parlamento da Galiza, Manuel Lago, valora trasladarse a Madrid para participar do Executivo xunto a galega Yolanda Díaz, que previsibelmente pasará a ser ministra de Traballo e dependerá da Vicepresidencia de Asuntos Sociais, que ostentará o líder de Podemos, Pablo Iglesias.

Manuel Lago é economista e experto en relacións laborais. Vencellado a Esquerda Unida, foi membro do gabinete confederal do sindicato Comisións Obreiras e exerceu como director financeiro da Televisión de Galiza. Así mesmo, é profesor de Estrutura Económica Social e Relacións Sociolaborais na Escola de Relacións Laborais da Universidade da Coruña.

Haberá que agardar até a semana que vén para que o presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, anuncie formalmente a configuración da súa equipa, mais Lago xa estuda a súa saída do Parlamento galego para traballar con Yolanda Díaz. A súa carreira política está ligada á dela, pois xa formou parte da equipa de Díaz en ocasións anteriores e foi un dos artífices do programa electoral da coalición Galicia en Común, a fórmula coa que Esquerda Unida e Podemos se presentaron ás eleccións estatais.

A saída de Lago da Cámara galega suporía a entrada da seguinte persoa na lista da coalición En Marea, que concorreu ás últimas eleccións á Xunta de 2016 e o pasado mes de xullo dividiuse para deixar por un lado a Podemos, Anova e Esquerda Unida no Grupo Común da Esquerda e o partido En Marea no Grupo Mixto.

Mariló Candedo é profesora titular de Pedagoxía Social na Universidade da Coruña e foi decana da Facultade de Ciencias da Educación neste mesmo centro. Forma parte do Consello das Mareas e fora elixida para ser a senadora por designación autonómica antes de que a decisión recaera no PSdeG como líder da oposición no Parlamento galego.

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios