venres 28.02.2020
Parlamento

Manuel Lago fai efectiva a súa saída do Parlamento galego

Marcha a Madrid, como asesor, ao gabinete de Yolanda Díaz no Ministerio de Traballo.
Miguel Ángel Santalices, Pedro Puy, Manuel Lago, Julia Torregrosa e Gonzalo Caballero no Parlamento (Nós Diario).
Miguel Ángel Santalices, Pedro Puy, Manuel Lago, Julia Torregrosa e Gonzalo Caballero no Parlamento (Nós Diario).

Manuel Lago xa non é deputado e portavoz do Grupo Común da Esquerda, a coalición parlamentar entre Podemos, Esquerda Unida e Anova na Cámara galega. Onte formalizou a súa renuncia ao escano que lle correspondía diante da Mesa do Parlamento para comezar o seu labor no Ministerio de Traballo.

"As prioridades están ben definidas no programa de Goberno e son facer unha política a favor da maioría social, das traballadoras, actuando sobre a reforma laboral para ter un marco normativo favorábel á estabilidade no emprego", salientou Lago, quen recoñeceu que marcha "triste" pero voluntariamente do Parlamento galego.

"Comezamos cun avance extraordinario para a sociedade española, e galega, que é a suba do salario mínimo interprofesional", celebrou Lago nos corredores do Parlamento, onde se puido despedir do presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, do portavoz dos populares, Pedro Puy, e do líder dos socialistas, Gonzalo Caballero, entre outros.

Lago referiuse a que o salario mínimo "se achega a unha cifra coa que unha persoa pode vivir dignamente" e a que foi froito dun "acordo social" cos sindicatos, "en tempos de crispación política" a causa dos "conflitos artificiais" da "ultradereita".

comentarios